COGAMI inserta a 78 persoas con discapacidade a través dun programa de emprego

FOTO: COGAMI

Setenta e oito persoas con discapacidade conseguen inserirse laboralmente tras participar no programa de inserción “PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE” de capacitación mediante as TICS para a inserción sociolaboral, un proxecto que financia Fundación Vodafone España e que pretende potenciar o uso das novas tecnoloxías, darlle un uso para que sirvan como un apoio ás persoas que están buscando emprego.

O programa, iniciado en xaneiro e rematará en decembro, está a cumprir, e incluso superar, as expectativas marcadas pola área de emprego de COGAMI. Se ben o propósito marcado pola Confederación era alcanzar o obxectivo de que o 49% das 150 persoas participantes logren inserirse no mercado laboral, as cifras acadadas ata agosto indican que esta porcentaxe é superada, conseguindo que o 52% das persoas participantes estean traballando.

Os perfís das persoas seleccionadas no programa son similares: persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para o desenvolvemento da súa profesión habitual, carecer dun contrato laboral durante os seis meses anteriores ao programa e todas son persoas con maiores dificultades de inserción (de aí que a metade de participantes sexan mulleres). Segundo o lugar do que proceden, 24 dos participantes son de A Coruña, outras 24 son de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 proceden de Vigo.

Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas principais cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas participantes no programa e a súa motivación. Tralas entrevistas personalizadas, estes orientadores laborais trazaron un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa.

Ademais de asesoramento, o programa “PARTICIPA COA dis-CAPACIDADE” ofrece información, formación e capacitación en TICS baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a busca de emprego e poder acceder ao mercado laboral. Para isto, desenvolvéronse 5 talleres grupais explicativos para asesorar e encamiñar aos participantes na busca de emprego nos que participaron 102 persoas do programa; xestionáronse 33 prácticas en empresas (podendo ser este un paso previo a unha inserción); impartíronse obradoiros sobre novas tecnoloxías nos que participaron 105 persoas; asesorouse na elaboración do curriculum 2.0 ou audiovisual dende a preparación do guión ata a presentación e gravación; impartíronse 11 círculos de emprego onde se comparten experiencias e estratexias seguidas durante a busca de emprego e, por último, impartiuse formación para explicar as ferramentas ou apps que existen especializadas na busca de emprego e que se poden descargar nun Smartphone.

Parte importante dentro do programa é tamén a acción de visitar empresas para realizar labores de sensibilización cara á discapacidade, informar sobre bonificacións e incentivos que hai na contratación dunha persoa con discapacidade e para xestionar ofertas de emprego. Visitáronse 176 empresas novas, fíxose seguimento a 243 empresas coas que xa se mantén o contacto. Finalmente, abríronse un total 427 ofertas de emprego.