O Club de Patinaxe Artística de Gondomar cumpriu o seu soño, participando na competición de Grupos-Show Pequenos dos World Roller Games de Nanjing (China), xunto con outros dous equipos españois.
Todo esforzo ten a súa recompensa, e tras a campaña realizada para recadar os 25.000 euros que necesitaban para realizar a viaxe, este domingo as patinadoras gondomareñas ensinaron ao mundo o seu show “Alma Torera” -titulado en inglés “The soul of a female bullfighter”-, conseguindo un máis que meritorio sexto posto.
As patinadoras que conforman o equipo, que teñen entre 15 e 28 anos, sempre da man do seu adestrador, David Figueroa, non só demostraron o seu alto nivel técnico ao lograr subir ao podio no Campionato de España celebrado en Cataluña o pasado mes de marzo alcanzando así o pase directo para este Mundial, senón que tamén se converteron nun claro exemplo de loita, superación e disciplina.

