O BNG levará ao Parlamento o incidente medioambiental de Praia América

FOTO: PEPE COSTAS // Praia América-Panxón.

O episodio de contaminación rexistrado na desembocadura do río Muíños no mes de agosto é, ao xuízo do BNG, de extrema gravidade, e non pode ser despachado como un incidente menor de escasa importancia. “A desidia da Xunta, tardando dous días en comunicar ao concello a altísima concentración de bacterias que invalidaban as augas para o baño non pode quedar sen ser aclarado e, probablemente, esixa unha revisión dos protocolos seguidos nestes casos”, sinala Xavier Rodríguez.

Segundo os nacionalistas, o concello amosou unha extraordinaria dilixencia na identificación do foco contaminante e a súa reparación, pero tamén unha grave irresponsabilidade ao non impedir o baño mentres se solucionaba o problema. “Semella que para evitar unha situación de alarma non dubidaron en seguir permitindo unha actividade que comprometía seriamente a saúde pública”, advirte o Portavoz Municipal do BNG.

Para Xavier Rodríguez, veciños e visitantes estiveron bañándose dous días en augas non aptas pola inoperancia da Xunta, e outros dous días pola inconsciencia dun goberno municipal que parecía só querer evitar a mala publicidade. “A prestanza coa que o goberno galego inspeccionou a falla de sinalización posterior, non ten correspondencia coa parsimonia do aviso inicial, e deixa un tufillo de actuación mediatizada polas diferenzas políticas entre as dúas administracións”, engade o nacionalista.

Rodríguez lamenta que a consecuencia é que os cidadáns estiveron expostos varios días a un foco de contaminación pola neglixente actuación das administracións, “e non é un risco menor”.

“Neste punto quero trasladar que eu mesmo coñecín directamente estas consecuencias. Fai uns poucos anos a miña filla contraeu unha infección de orina orixinada por e-coli despois de bañarse na praia da Ladeira, por suposto sen que houbese a máis mínima indicación ao respecto polas autoridades competentes”.

O BNG vai a pedir a oportuna aclaración do episodio, solicitando no concello copia da comunicación remitida pola Xunta na apertura do expediente sancionador, así como da alegación presentada polo goberno municipal. Ao mesmo tempo, a través dos seus representantes, presentarán unha iniciativa parlamentar para tratar de determinar a actuación da Xunta neste caso e coñecer todos os extremos do mesmo.