Preto de 4.000 persoas gozaron da primeira edición do festival “Vive Nigrán”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Actuación de Viva Suecia.

A primeira edición do festival “Vive Nigrán” este fin de semana no campo de fútbol de Praia América reuniu durante os dous días a preto de 4.000 persoas, sendo a noite do sábado o momento de maior afluencia con Basanta, Viva Suecia, Joe Crepúsculo ou Las Bistecs, grupos que reuniron a máis de 2.200 persoas.

«Tratándose dunha primeira edición non podemos estar máis satisfeitos co resultado. O bo tempo acompañou e o novo festival ‘Vive Nigrán’ tivo un debut perfecto, atraendo a un público familiar que puido gozar da música e gastronomía nunha contorna marabillosa. Toca xa traballar para a vindeira edición», valora o alcalde, Juan González.

Concibido como un “Picnic Pop Festival”, supuxo o broche de ouro do circuíto Rías Baixas Fest promovido dende a Deputación de Pontevedra ao reunir a 14 bandas do panorama nacional independente e 5 dj´s durante todo os dous días e dende as 12:30 horas da mañá. «Queremos que Vive Nigrán sexa un referente para os afeccionados á música en directo e para aqueles que busquen concertos a pé de praia a calquera hora do día, por iso seguiremos apostando por un público familiar que aproveita o día para vir cos nenos porque sabe que atopará obradoiros, xogos, actividades paralelas ou un market», sinalan dende a produtora, así, baixo esta premisa, os menores de 16 anos puideron entrar gratis.

Un verán sen precedentes

«Vive Nigrán pechou un verán cunha programación cultural e festiva sen precedentes no municipio e que terá continuidade o vindeiro ano. Tanto este evento como Solpor en Monteferro ou Val Miñor Fest debutaron cun gran éxito e terán continuidade xunto aos xa establecidos como Nigranjazz, Flota como Poidas ou Rilla na Rúa», sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que realmente a programación festiva finaliza o 31 con “Os Patos surfean de noite”.

Anuncios