Nigrán celebra por segundo ano a Festa Celta do Lugnasad coas vodas como prato forte

A Asociación Cultural Breogán Valle Miñor e o Concello de Nigrán organizan a II Festa Celta do Lugnasad (en honra ao deus celta Lug) que se celebra o sábado 2 de setembro a partir das 18:00 horas na praia de Patos, á altura da rúa Cansadoura.

Nesta festa haberá unha busca do tesouro para nenos a partir de 5 anos ás 18:00 horas; loita galaica para adultos a partir das 20:00 horas e as vodas celtas a partir das 22:00 horas.

O evento é gratuíto e a entrada é libre, pero coma sempre, prégase aos asistentes que vaian vestidos para a ocasión, con vestimentas celtas.

As vodas celtas son o prato forte do Lugnasad

Neste ano todas as parellas anotadas casarán nun ritual celebrado polo druída Dani e gozarán dunha queimada de balde á que estará invitado despois o resto do público.

Nestas vodas o compromiso dura un ano, ata o vindeiro Lugnasad, e se non se renovan os votos o matrimonio desfaise. Nas antigas culturas célticas facíase sobre todo para probar a convivencia da parella. Tampouco hai que esquecer que daquela a muller ía ás guerras como os homes, e estas dábanse sobre todo no verán, polo que se un dos dous morría, o outro membro podía casar de novo e pasar coa nova parella o duro inverno.

O ano pasado casaron unha ducia de parellas

Na primeira edición da Festa Celta do Lugnasad casaron unha ducia de parellas vidas de todas partes de Galicia e mesmo do Brasil. Naquela ocasión celebráronse no Outeiro dos Mouros, na parroquia de Parada.

Toda a información para anotarse no Facebook Festa Celta Nigrán ou no Whatsapp do druída Paulo 635 843 286.

Anuncios