Sin categoría

24 horas correndo polo alzhéimer

Segundo reto conseguido. Daniel Fernández Cerzón defíneo como “alegría, emoción, diversión e moita solidariedade”. O sábado ás 12:00 do mediodía comezaba esta aventura polo alzhéimer a favor de AFAGA, 24 correndo por Castrelos, co obxectivo de dar visibilidade a esta enfermidade.

“Os nervios iniciais disipáronse nada máis poñerme a camiseta especial para o reto”, asegura o mozo gondomareño. “As voltas do circuíto de 1 km polo coñecido parque vigués ían pasando rapidamente ao principio en compañía de amigos cos que ía compartindo quilómetros, algúns deles defendendo outras causas como a síndrome de Down, o cancro, enfermidades raras… auténticos guerreiros solidarios aos que hai que apoiar nas súas causas”.

O tempo acompañou durante as 24 horas, a calor non apareceu practicamente, a choiva só un pouco antes de empezar a carreira e o frío o normal pero non en exceso.

Ao cabo de 3 horas e unha parada para comer con preto de 30 quilómetros, as sensacións eran moi boas. A tarde avanzaba e moita xente abarrotaba o circuíto, algunha delas interesándose pola causa. A noite chegou e con ela a etapa máis dura da carreira, as pernas non se queixaban e a cabeza non se rendía.

Ás 2:20 da madrugada, Daniel alcanzaba a cifra máxica dos 100 quilómetros. “Ás 5:00 a miña barriga, froito do cansazo, empezouse a queixar e a revolverse, esta sensación acompañaríame ata o final”, lembra Daniel.

O día apareceu e as enerxías volveron. “A falta de 2 horas para acabar apertei un pouco máis. O sorriso que non se borrou da miña boca as 24 horas atenuouse máis se cabe contra o final da carreira”.

A falta de 1 hora para o final da carreira igualaba o seu record nunhas 24 horas, 143 quilómetros, e xa estaba máis que contento e mesmo fixo a súa volta máis rápida no quilómetro 145 (4 minutos e 15 segundos).

“Faltaban 10 minutos para o final da carreira, armeime da miña pancarta de Reta 3 Móvete polo Alzhéimer, e empecei a correr con ela as dúas últimas voltas, os centos de corredores e público aplaudía ao meu paso e eu alzaba a pancarta”.

E por fin 24 horas acabadas. “Atravesaba a meta cheo de alegría porque o facía, puxen o meu gran de area por esta causa e visibilicei un pouco máis o alzhéimer. Na meta atopeime con membros de AFAGA e moitos amigos”.

Daniel completou 151 quilómetros correndo (o obxectivo era 145-150), finalizando na posición 20 de 50 participantes, con moi boas sensacións despois da carreira e con poucas molestias nas pernas.

“Grazas a todos os que non parastes de animar, grazas a todos os que colaborades, grazas a todos os que me axudades a difundir a miña causa. Grazas de todo corazón por facer posible Reta 3”, conclúe o gondomareño, que en setembro realizará o terceiro e último reto.

Todos os que queiran colaborar poden facer a súa achega no número de conta: IBAN ES56 2100 4080 1122 0012 1884. Todo o recadado irá destinado para AFAGA e a realización de talleres e terapias con enfermos e familiares.