“Depocomparte” avanza con éxito nos seus primeiros seis meses de actividade

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Arco de meta de Depocomparte na III Milla Solidaria Anemia de Fanconi.

Nos seus primeiros meses de vida, o programa “Depocomparte” medra con bos resultados segundo os obxectivos que se marcaba a Deputación de Pontevedra, que puxo en marcha esta iniciativa baixo a filosofía de compartir todos os recursos da Deputación de Pontevedra coa cidadanía. Esta iniciativa vai da man da aposta do goberno provincial por abrir as portas e as fiestras desta institución a toda a sociedade, a todas as entidades e a todos os concellos.

“Depocomparte”, que de momento funciona co servizo de deportes, permite que todos os concellos e entidades e clubs deportivos que así o desexen conten con material para eventos deportivos de maneira totalmente gratuíta. En concreto, a institución provincial está poñendo á súa disposición dous kits para actos deportivos que consisten en 2 podios, 2 arcos de meta, 4 “sky dancers” (voadores), 4 carpas de 3 por 3 metros e un marcador electrónico. Amais, en vista do alto número de solicitudes recibidas e das necesidades dos concellos e clubs deportivos a Deputación de Pontevedra incorporará un kit máis para satisfacer peticións que non se podían cubrir debido aos impases entre reserva e reserva e máis material como conos e vallas.

Ata o momento case un centenar de clubs da provincia beneficiáronse deste programa a través do cal a Deputación de Pontevedra xestionou máis de 130 solicitudes durante estes primeiros seis meses de actividade. Amais, xa hai preto de 20 reservas realizadas ata o día 15 de outubro (non se aceptan solicitudes con máis de dous meses de antelación respecto a data de celebración da actividade para evitar que clubs fagan reservas para todo o ano).

Este programa funciona como unha central de reservas electrónica na que os interesados teñen que entrar na aplicación dispoñible na web da Deputación de Pontevedra (www.depo.es). Nesta aplicación terán que cubrir as datas do evento, os campos de identificación e solicitar os materiais que estean dispoñibles para esas datas.

O material cédese de xeito totalmente gratuíto e en condicións axeitadas para o seu uso, dando asesoramento aos solicitantes para a utilización do material deportivo no momento da súa retirada. As persoas interesadas unicamente terán que encargarse do transporte e persoal necesario para a recollida, instalación, retirada e retorno do mesmo.