
As rúas de Baiona convertéronse este venres nun gran festa para celebrar unha nova edición do Día do Turista. Pequenos e maiores viviron unha xornada na que o Concello organizou unha decena de actividades gratuítas, entre elas música, animación nas rúas, visitas guiadas e obradoiros, conforman a programación deseñada polo Concello de Baiona para a celebración do Día do Turista.
O espectáculo “Hakuna Matata”, de Troula Animación, foi o encargado de abrir as actividades as 11:00 horas na Praza do Concello, onde nenos e nenas desfrutaron do pasarrúas por todo o Casco Histórico cos animais do circo.
Durante todo o día, os máis pequenos tamén puideron desfrutar do gran tobogán de auga instalado no Paseo da Ribeiro, así como dos inchables, obradoiros e superparques de bolas.
O humor chegou este ano ás 12:30 horas da man da performance de Rafa Durán como “O Turista Infiltrado”, que tamén actuará ás 18:30 horas, e as 13:30 celebrouse a Xira Marítima pola Baía de Baiona, con saída desde o Porto Pesqueiro.
Ás 19:30 será o momento para a visita guiada teatralizada «Baiona no Tempo» a cargo de «Non si Teatro?», dirixida por Mónica Sueiro e con saída dende a Oficina de Turismo. Xa de noite, ás 22:30 horas, chegará o concerto de Navajita Plateá, que celebrará o seu 25 aniversario na Praza do Concello. O remate do Día do Turista será ás doce da noite coa preparación do conxuro da Gran Queimada a cargo de Rafa Durán e a posterior degustación gratuíta na Praza do Concello.
“Este día está dedicado aos turistas que nos elixen como destino vacacional, pero tamén a todos os veciños de Baiona, que coa súa calorosa acollida fan posible que a Vila sexa un dos lugares preferidos para o turismo de calidade”, explicou a concelleira de Turismo, Beatriz González.
Ademais, ao longo de todo o día a Casa-Museo da Navegación terá as súas portas abertas con entrada libre e todos os peregrinos que visiten a Oficina de Turismo recibirán un obsequio ao presentar a súa credencial.