As nenas e nenos de “Depo Aventura A Lanzada” volverán escoller a súa nova mascota

Por segundo ano consecutivo, as nenas e nenos do programa “Depo Aventura A Lanzada” escollerán, o próximo 8 de setembro, á nova mascota oficial destes campamentos de verán postos en marcha polo servizo de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra. Na edición pasada a proposta gañadora foi a de “Pepa, Karmucha e Maruxa”, tres serpes de cores elaboradas con paus e pinturas polos rapaces e rapazas que participaron na cuarta quenda dos campamentos de 2016 e que foron seleccionadas polo “xenial uso da cor” e a habilidade dos pequenos e pequenas para “darlles vida” a estes réptiles.

Ao longo deste verán xa pasaron pola Lanzada máis de 1.800 nenos e nenas, que puideron divertirse practicando numerosas actividades de tipo lúdico e formativo, algunhas destas, en inglés, unhas das novidades deste ano. O pasado domingo comezou a novena quenda con 200 novos e novas asistentes, e aínda pasarán polo campamento outros 400 nenas e nenos ata completar as 2.200 prazas do Depo Aventura A Lanzada 2017, que rematará o vindeiro 9 de setembro.

Este programa estival da Deputación de Pontevedra persegue promover e fomentar o desenvolvemento persoal e social das rapazas e rapaces a través de actividades lúdicas, culturais, artísticas, medioambientais, deportivas e formativas e é totalmente inclusiva. Así, un total de 45 nenas e nenos con diversidade funcional participan nesta edición coa asistencia necesaria para garantir a súa plena integración de xeito que poden gozar desta actividade en igualdade de condicións que as súas compañeiras e compañeiros.

A Deputación de Pontevedra destina 240.000 € a este programa e financia o 50% do custe das inscricións, de xeito que as familias deben aboar 100€ por praza, 80 € no caso das familias numerosas. Ademais, reserváronse 300 prazas dirixidas a menores en situación ou risco de exclusión social, subvencionadas ó 100%, delas 260 prazas para menores en situación ou risco de exclusión social dos concellos da provincia de Pontevedra, e 25 para nenas e nenos do Centro Príncipe Felipe e 15 para aquelas e aqueles en situación de tutela ou garda administrativa doutros centros da provincia.