Daniel Fernández correrá as 24 horas de Castrelos polo alzhéimer

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Daniel Fernández no Tríatlon de Baiona.

Daniel Fernández Cerzón afrontará este fin de semana o segundo reto da súa iniciativa “Reta 3 Móvete polo alzhéimer”. O mozo gondomareño enfrontarase a 24 correndo polo parque de Castrelos en Vigo, onde tentará alcanzar os 145-150 km. A proba deportiva comezará o sábado ás 12:00 do mediodía.

Pero iso non é o máis importante para Daniel. O que pretende con esta serie de 3 retos é visibilizar esta enfermidade que desgraciadamente hoxe en día é moi común na sociedade e nos nosos maiores en particular.

“O obxectivo é concienciar á xente que se alguén ten alzhéimer non é o fin, sei que de momento e repito de momento non hai cura para esta enfermidade pero o que se hai é moitas terapias e obradoiros que o que logran é diminuír os seus efectos e facer que as persoas que o padecen poidan vivir mellor”, destaca Daniel.

“É duro ver como esa persoa que queres día a día vaise esquecendo das cousas máis importantes para el e máis duro é ver como un día xa non se acorda de ti. Pero se isto chega a pasar non hai que renderse, hai que loitar e apoiar a esta persoa máis que nunca”.

Todo o que se recade nesta campaña irá destinado á realización de obradoiros e terapias con enfermos e familiares que serán impartidos por Afaga Alzhéimer, “e sen con iso consigo que unha soa persoa recupere un só recordo do seu pasado xa estarei máis que satisfeito”, asegura Daniel.

O número de conta para realizar calquera achega, por moi pequena que sexa, é IBAN: ES56 2100 4080 1122 0012 1884.

Daniel xa realizou o pasado ano 3 retos deportivos solidarios a favor de ANEDIA, unha asociación de diabetes infantil de Galicia. Agora escribe un segundo capítulo para este libro de solidariedade.

Anuncios