Os Premios Nacionais de Vela recoñecen ao Spanish Impulse como o mellor equipo de regata

FOTO: ACEA-GILLES MARTIN RAGET // Spanish Impulse.

O Spanish Impulse by Iberostar foi recoñecido polo xurado dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda como o mellor equipo de regata do ano. A tripulación, formada por sete regatistas españois do máis alto nivel, recibirá o próximo mes de setembro en Baiona o galardón que recoñece a súa actuación representando a España na Youth America’s Cup, a versión xuvenil da Copa América de Vela, celebrada o pasado mes de xuño en Bermudas.

Do equipo dos “galos”, como se lles coñece popularmente, forman parte os regatistas olímpicos Jordi Xammar e Diego Botín; os campións do mundo Joel Rodríguez, Florian Trittel e Kevin Cabrera; e os campións de España Luis Bugallo e Joan Cardona.

O seu proxecto valente e novo, dirixido por María del Mar de Ros, e baseado na unión de talento e esforzo, así como os resultados obtidos na competición de vela máis prestixiosa e antiga do mundo, foron os aspectos valorados polo xurado dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda para outorgarlles o galardón ao mellor equipo de regata.

Un novo recoñecemento para uns mozos navegantes que xa traballan na consecución dun novo obxectivo, converterse no quinto Desafío Español de Copa América.

A cerimonia de entrega dos Premios Nacionais de Vela celebrarase o próximo 2 de setembro en Baiona, baixo a organización do Monte Real Club de Yates. O catalán Jordi Xammar será o encargado de recoller o galardón en nome do equipo.