Convocan aos afectados polas enchentes de Gondomar a unha Asemblea Aberta

A Xestora da Coordinadora de Afectados polas Enchentes de Gondomar convoca o próximo mércores, día 4 de xaneiro, ás 19:30 horas no Auditorio Lois Tobío, unha asemblea aberta para entre todos facer forza que se tomen as medidas necesarias, e a quen lle corresponda comece a tomar medidas en serio. Como afectados polas últimas enchentes dos Ríos Miñor e Zamáns esixen ser parte da solución e que se lles escoite, “pois agora sabemos que o problema pode repetirse periodicamente, se cadra, con máis virulencia”.

“Seríamos tan inxenuos coma irresponsables se agora ignorásemos que os Ríos Miñor e Zamáns levan toda a vida botando fóra e creándolle problemas á veciñanza do Val de Miñor, principalmente aos que vivimos na Vila de Gondomar e no Barrio da Ponte, en Mañufe. Con todo, o acontecido nas últimas enchentes, sobre todo na de Noiteboa, nin as persoas máis vellas da zona lembran tantos estragos”, sinala Antonio Araújo, membro da Xestora.

“Sabemos que os factores que na actualidade provocan as riadas son múltiples, algúns deles imputables á actividade humana que por activa ou por pasiva fixemos mal, e agora os nosos ríos pásannos a factura en forma de enchentes. Que conste que levan tempo avisando e agora comezamos a notar as súas consecuencias. Chegado a este punto deben ser os organismos públicos quen deben intervir para corrixir aquelas cuestións máis prioritarias, e se cadra máis sinxelas”, considera Araújo.

“Que o Río Miñor desaugue con fluidez, sen atrancos e represas que aumentan o nivel das enchentes, pode marcar facer que a riada suba de 20 a 50 cms, marcando a diferenza entre salvar as nosas casas, negocios e garaxes, etc, ou non salvalos. Por non falar da Espada de Damocles que supón o encoro de Zamáns do que ignoramos case todo e que só sabemos del cando abren as comportas para aliviar auga que temos que “beber” en Gondomar, si ou si. Obviamente hai máis cousas que os técnicos deben estudar e buscarlle solucións. Aquí só citamos aquelas que se ven a simple vista e que á veciñanza nos parecen de sentido común”, conclúe Araújo.