Feijóo traslada a solidariedade do pobo galego ás vítimas e familiares dos atentados de Cataluña

FOTO: XUNTA DE GALICIA // Minuto de silencio na Xunta de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe a solidariedade e o recoñecemento do pobo galego ás vítimas e familiares dos atentados perpetrados en Cataluña. “Todos os corazóns e todas as mans de Galicia están cos corazóns e coas mans das vítimas e das súas familias. O pobo de Galicia e o resto de conxunto de pobos de España sentimos como propio o atentado, a matanza da senrazón”, dixo, expresando a absoluta solidariedade, consternación e rexeitamento.

Así mesmo, Feijóo transmitiu a plena confianza nas forzas e corpos de seguridade do Estado, “que van seguir traballando”, dixo, na defensa dos nosos valores e principios. “España é un país democrático e vaino seguir sendo. Un país onde a liberdade de culto, relixiosa, ideolóxica e política vai seguir predominando. Non imos dar un paso atrás na defensa dos nosos principios e valores”, sentenciou.

O presidente da Xunta quixo trasladar tamén unha mensaxe de solidariedade a todas as autoridades catalás. “É o momento de estar unidos”, aseverou, ao que engadiu que “xuntos seguiremos máis fortes. Hai que centrarse e reflexionar sobre o verdadeiramente importante, que os españois esteamos unidos para defender a nosa sociedade democrática e os nosos valores occidentais”.

Feijóo concluíu facendo fincapé en que, ante o fanatismo, España seguirá traballando: “España sabe facelo. Fixóo durante moito tempo contra o terrorismo de ETA e tamén o seguirá facendo contra calquera tipo de terrorismo, veña de onde veña”, abundou.