Este venres arranca unha edición especial de Vive Nigrán con todas as entradas esgotadas

Este venres arranca a “2020 Picnic Club Edition” do festival Vive Nigrán, unha edición especial que se celebrará nas Pistas de Tenis de Praia América e para a que todas as entradas e abonos están esgotados desde hai días.

Vive Nigrán é o primeiro festival que se celebra neste verán no circuíto galego de festivais musicais, tanto en Rías Baixas Fest, a agrupación apoiada pola Deputación de Pontevedra, como en Fest Galicia, e faio nun formato máis reducido, trasladándose ás Pistas de Tenis de Gaifar para manter a cita cos seus fieis, ofrecendo unha experiencia de música en vivo, cumprindo todas as medidas sanitarias.

dani, a nova artista viguesa de 22 anos, será a encargada de arrancar o festival, este venres, a partir das 21:00 horas, no escenario Vibra Mahou para presentar o seu primeiro disco, “Veinte”, lanzado hai só uns días. Máis tarde, Anni B Sweet subirase ao Escenario Xacobeo, nunha noite moi especial, xa que será o único concerto que a cantante ofrecerá este verán acompañada da súa banda. Anni B Sweet repasará os temas do seu último traballo, “Universo por estrenar”, cargado de psicodelia e ritmos setenteiros, e por primeira vez cantado integramente en español. Consolidada como un dos nomes destacados da escena indie/folk española, chega a Vive Nigrán no mellor momento da súa carreira.

Na xornada do sábado 18, subirase ao escenario Xacobeo o galego Villanueva, para presentar o seu novo álbum “Cuarto de invitados”. Un traballo que é o terceiro da súa carreira, e onde predomina o rock con pinceladas de arranxos moi persoais. Logo, serán Rufus T. Firefly os encargados de poñer o broche final ao festival, no escenario Vibra Mahou. Unha das bandas con máis personalidade do panorama español ofrecerá en directo o seu cóctel de psicodelia, rock e pop que promete ser demoledor no concerto Vibra Mahou.

Como en anos anteriores, ademais de boa música, Vive Nigrán intégrase coa contorna, ofrecendo unha experiencia máis completa. Así se engadiron actividades paralelas, como o bautismo náutico en kaiak, pádel surf e surf. Un puñado de afortunados poderán gozar de maneira gratuíta dun roteiro marítimo en kaiak e pádel surf, o sábado 18, en colaboración co Club Marítimo de Panxón. Arrancará ás 12:00 horas e poderase gozar das calas de Monteferro e o faro, as bateas, e observar as Dunas de Gaifar desde a auga. As 20 prazas para esta experiencia sortearanse entre os compradores de entradas e abonos do festival, a través das redes sociais de Vive Nigrán. Ademais, haberá actividades acuáticas para todos os públicos, a tarde do sábado, en Praia América, organizadas por La Conservera del Surf, que ofrece prazas para bautismo de surf, bodyboard e pádel surf para nenos e adultos, a partir de 10,00€ por persoa. A inscrición ten que realizarse no espazo de La Conservera del Surf, na mesma praia.

Vive Nigrán mantén a súa cita coa música en vivo cumprindo todos os protocolos de seguridade. Por iso, os espectadores deberán acudir ao recinto con máscara, e serán acomodados nos asentos que lles sexan asignados pola organización. Ademais previuse un circuíto de accesos para a entrada e saída do recinto de forma segura, e recoméndase acudir ao recinto con marxe de tempo suficiente, para evitar aglomeracións xa que as entradas non son numeradas e accederase por grupos de compra. As portas do recinto abriranse ás 19:30 horas e a primeira actuación comezará ás 21:00 horas. No interior do recinto haberá ademais dous postos de comida, Chac Mool e Capitán Filloa, e bar con servizo de venda de bebidas nas cadeiras.