David Civera ofrecerá o seu concerto “15 Aniversario” nas festas das Angustias de Nigrán

David Civera actuará nas festas que se celebrarán en Nigrán do 18 ao 21 de agosto na honra da Virxe das Angustias. O concerto será o sábado 19, compartindo a noite coa orquestra Superfama.

O turolense presentará o seu duodécimo disco de estudo, que celebra os seus 15 anos de carreira musical, con éxitos como «Dile que la quiero», «Que la detengan», «Bye Bye», «Rosa y espinas», «Perdóname»… O disco inclúe un total de 10 cancións do seu repertorio máis representativo, todas elas con nova produción e arranxos, ademais de 2 temas inéditos.

«No soy un Canalla», é a súa aposta de single para este álbum; unha canción orixinal, reflexiva e de total actualidade, coa ironía e o positivismo que lle caracteriza.

Un proxecto «para todos os públicos» que respecta a esencia do seu éxito, cunha discografía que supera o millón de copias vendidas, e máis de mil concertos, desde a súa representación en 2001 no festival de Eurovisión, onde conseguiu o 6º posto, o mellor dos últimos «15 anos».