Anuncios
Ticker de novas

Unha trintena de entidades de Nigrán reciben un total de 34.000 euros en axudas do Concello

A Xunta de Goberno Local do Concello de Nigrán ratificou a concesión de 33.994,31 euros en subvencións a 30 entidades deportivas, culturais e festeiras do municipio que as solicitaran, 10.000 euros máis que no ano anterior. Así, conforme á proposta da Comisión de Valoración (composta por todos os grupos políticos) o goberno concedeu 15.078,25 euros a 15 entidades deportivas; 8.069,93 euros a entidades festeiras e que fomentan o asociacionismo e 10.846,13 a entidades culturais. Deste xeito, o goberno considera moi positivos os cambios introducidos nas bases, xa que permitiron outorgar unha maior cantidade de cartos ao ampliarse o importe máximo e ter en conta aspectos como o fomento do asociacionismo (ata 2016 a contía tope era de mil euros e agora se duplica, o que supuxo tamén un aumento do orzamento destinado a este fin).

“O noso compromiso é de máxima colaboración con todos os colectivos do municipio, que son os grandes promotores das actividades lúdicas, culturais, deportivas ou festeiras, por iso imos continuar con esta liña de axudas ao longo de todo o mandato”, explica o alcalde, Juan González.

As novas bases supuxeron unha suba no orzamento de 25.000 a 72.000 euros, triplicando nun só ano a partida destinada a estas axudas. Así, aumentouse de 1.500 a 2.000 euros a subvención máxima para os que presenten solicitudes para actividades culturais (25.000 euros en total) e eliminouse o máximo de tres proxectos subvencionables. Por outra banda, incorporouse á liña de axudas a actividades festeiras as de fomento do asociacionismo (22.000 euros en total). Neste eido, houbo un límite de 2.000 euros para as festas parroquiais e 500 para as demais; mentres que para o fomento do asociacionismo se contemplaron ata 100 euros polo abastecemento de auga, electricidade 500 euros… (os criterios para establecer a contía dependen da poboación beneficiarios do proxecto, número de socios, antigüidade da entidade, emprego do galego…). Finalmente, para as actividades de fomento da práctica deportiva (25.000 euros en total) estableceuse un mínimo de 1.000 euros por entidade solicitante para participar en competicións oficiais (o 60% do orzamento que dispoñan para este efecto) e por outra banda un máximo de 1.500 euros para a realización de actividades deportivas nas que se valorou a duración, antigüidade da mesma, número de persoas beneficiarias…

Anuncios