Anuncios
Ticker de novas

Unha aula móbil sobre reciclaxe informará hoxe aos bañistas da Praia Ribeira de Baiona

Os areais galegos, dada a gran afluencia de usuarios durante o mes de agosto, constitúen un dos principais focos de atención para a campaña Oportunidades Galicia, que dirixe a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e na que colabora Ecoembes e Sogama.

Educadores medioambientais, co seu centro operativo nun aula móbil, estarán este venres 12 de agosto desde as 15:00 ata as 19:00 horas na Praia da Ribeira, en Baiona, intentando captar a atención dos bañistas para recordarlles que a xestión sostible dos residuos urbanos tamén debe estar presente en vacacións e durante o tempo de lecer. Tamén haberá un inchable para os máis pequenos.

As explicacións sobre a necesidade de aplicar cada día a estratexia dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) sucederanse de forma permanente. Producir menos residuos, consumir de forma responsable, evitar o desperdicio alimentario, reutilizar os produtos o maior número de veces posible e separalos por tipoloxías para que poidan ser reciclados, constitúen algunhas das cuestións que conformarán o manual de instrucións dunha iniciativa itinerante que naceu e evolucionou cun único obxectivo: incrementar as taxas de reciclado en Galicia e lograr que a poboación se beneficie das súas vantaxes ambientais, económicas e sociais. Porque reciclando afórrase enerxía e materias primas, pero tamén se incentiva a economía, créase emprego e se alcanzan maiores cotas de benestar e calidade de vida para a poboación.

Separar correctamente os refugallos e depositalos nos contedores correspondentes, constitúe aínda unha asignatura pendente, sobre todo no caso do amarelo. Neste sentido, os monitores concretarán de forma permanente o que debe e non debe ser depositado en cada recipiente: amarelo, para latas, briks e envases de plástico; azul, para envases de cartón e papel; iglú verde, para envases de vidro; e contedor convencional, para a fracción resto; sen esquecer os recipientes específicos para pilas e os puntos limpos municipais, destinados a acoller residuos de carácter especial tales como voluminosos, aparellos eléctricos e electrónicos, pinturas, fluorescentes, aceites, etc.

Anuncios