Anuncios
Ticker de novas

Carmela Silva destaca a presenza do talento feminino no festival “Vive Nigrán”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Presentación do festival Vive Nigrán en Praia América.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Nigrán e deputado provincial, Juan Antonio González Pérez, e pola deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas, presentou hoxe a pé de Praia América, a carón do espazo que ocupará a primeira edición do “Vive Nigrán”, o último evento dos #RíasBaixasFest que pechará os días 26 e 27 de agosto un verán cheo de música e diversión.

No acto de presentación, Carmela Silva destacou a importante presenza de mulleres no cartel do festival e subliñou que “o feito de que o Vive Nigrán apostase polo talento feminino e pola paridade é un paso importante na loita pola igualdade e eu coma unha firme defensora estou moi orgullosa. Isto dálle un valor engadido o festival.”

O cartel do festival está formado por algunhas das mellores propostas musicais do momento: Las Bistecs, co humor a crítica e unha música que non che permite estar, Joe Crepúsculo, Viva Suecia, Da Chick, Basanta, Tachenko, New Day, Os amigos dos músicos, Morgan, Los duques de Monterrey, Atlantic, Maren Ladsom.

Vive Nigrán fusionará diferentes experiencias para todas as idades: obradoiros, sesións de DJ’s, charlas e gastronomía, todo isto nun enclave máxico, ao pé do areal de Praia América e do Monte Lourido. Haberá xogos ao aire libre, e unha grande oferta culinaria a cargo de foodtrucks, un market e charlas e obradoiros que completarán a oferta cultural.

Coa primeira edición do Vive Nigrán pecharanse os exitosos #RíasBaixasFest, dos que a presidenta da Deputación de Pontevedra dixo que “están a converter as Rías Baixas nunha referencia a nivel nacional e internacional”. Carmela Silva tamén aproveitou o acto para sinalar que “malia que sexa a primeira edición do Vive Nigrán estou seguro de que será un éxito, posto que Nigrán ten unha gran tradición cultural ligada á música e ao longo de todo este verán tivo importantes citas musicais”.

Por último, a Presidenta animou a todos os que nos visitan este verán “que son moitos” a acudir e desfrutar do entorno do Vive Nigrán e de todas as súas actividades este primeiro ano “que estou convencida que vai ter moitas máis edicións nos próximos anos”.

O acto rematou coa intervención do deputado provincial e alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez, que resaltou que “a provincia de Pontevedra é un paraíso. Aquí en Nigrán estamos nun pequeno paraíso dentro do paraíso. Por iso creo que é un escenario perfecto para este festival.” Amais, tamén afirmou crer que “o Vive Nigrán, ao igual que outros festivais, podería sobrevivir só pero esta iniciativa da Deputación de Pontevedra de sumar as forzas de todos os festivais das Rías Baixas permite que sexa máis fácil venderse cara ao exterior.”

A promoción de bonos a 10 € para as cen primeiras entradas esgotouse rapidamente polo que se puxeron á venta un segundo lote de entradas tamén con desconto, a 12 €, que tamén se esgotaron rapidamente. Agora, o prezo dos bonos para os dous días é de 15 € máis gastos de xestión, e as entradas para días soltos, tanto sábado como domingo teñen un custe de 10 € máis gastos de xestión.

Anuncios