Sin categoría

Samuel Blanco, a 18 segundos de Alejandro Valverde e a dous postos do podio

O Campionato de España de fondo na estrada supuxo unha dobre confirmación respecto a Samuel Blanco. O xefe filas do Vigo-Rías Baixas demostrou este domingo en Murcia que ten nivel para competir a nivel profesional, pero tamén que a punta de velocidade é o seu gran punto débil. O redondelán cruzou a liña de meta no selecto grupo de dezanove unidades que se xogou o terceiro posto. Con el entraron outros catro corredores elite e o representante da entidade presidida por José Luis Chamorro ocupou a quinta praza na súa categoría.

Os 194 quilómetros de percorrido, con inicio en Los Alcázares e final en Murcia capital, responderon o guión previsto con Movistar e Astana convertendo a carreira nunha proba de eliminación. Blanco aguantou o ritmo de dous equipos World Tour nun trazado con sete portos de montaña.

O arranque desta competición para ciclistas Elite e Elite-UCI estivo marcado por unha intensa loita pola fuga que se dilatou por encima das dúas horas. Ningún intento callou e superado o quilómetro 100 a primeira gran criba produciuse na ascensión á Cresta del Gallo.

O defensor do título Gorka Izagirre probouno de lonxe e dentro do circuíto final, no que se subía en catro ocasiones á Fuensanta con ramplas que alcanzaban o 15%, o ciclista do Astana foi superado por Jesús Herrada (Cofidis) durante a primeira volta. Por detrás, desde o grupo de Blanco, saltaron Luis León Sánchez (Astana) e Alejandro Valverde (Movistar).

Herrada non resistiu o ritmo dos dous murcianos e no desenlace cara a cara entre paisanos impúxose o vixente campión do mundo. A 18″ dos dous primeiros e pisando os talóns a Herrada concluíron dezaoito corredores, entre eles o líder do Vigo-Rías Baixas. Blanco, o mellor galego, ocupou a decimonovena praza na clasificación absoluta e a quinta na elite. Tan só oito ciclistas do pelotón amateur completaron o campionato.