O PP considera que o goberno local incumpre a normativa de Porto do Molle

FOTO: PP NIGRÁN // Almacenamento exterior nunha nave de Porto do Molle.

O PP de Nigrán, a través do seu Grupo Municipal, asegura que o goberno local incumpre a normativa do parque empresarial de Porto do Molle que todas as empresas alí establecidas teñen obrigación de cumprir en canto a non poder almacenar materiais no exterior das naves.

Para o Grupo Municipal Popular tal incumprimento xa foi advertido hai dous anos cando o goberno local expuña deixar unha nave na que se situaba o almacén municipal en Rúa dos Pazos e alugar dúas naves en Porto do Molle, cuxo espazo non é suficiente para cubrir as necesidades de almacenamento que na actualidade ten o Concello, e que agora se produce.

Neste sentido os populares aseguran que segundo informes técnicos as necesidades de espazo que ten o Concello están calculadas sobre unha superficie superior aos 3.000 metros cadrados, polo que reducir este espazo supoñería ter menos espazo e por tanto xeraría maiores problemas ao departamento de vías e obras. Agora eses problemas son evidentes.

Durante o mandato anterior xa se analizou esta cuestión e as naves do parque empresarial limitaban e non melloraban a capacidade de almacenamento, polo que alugar dous ou tres naves, economicamente supoñía maior custo en aluguer do que se pagaba, polo que naquel momento decidiuse que a única saída viable era a da construción dunha nave-almacén propia no parque empresarial. Nese momento iniciáronse os trámites para a compra da parcela en Porto do Molle a cal se conseguiu financiar co anticipo sen intereses que concedeu a Deputación de Pontevedra. A día de hoxe a pesar de deixar lista ese financiamento o goberno socialista segue sen formalizar a compra da parcela e mantén dous alugueres en Porto do Molle de naves que non cobren as necesidades de espazo e que ademais supoñen máis custo en alugueres que antes.

“Por tanto, nestes momentos, sen espazo necesario, o goberno municipal almacena material diverso no exterior das naves, o que supón incumprir a normativa de Zona Franca e o que é proba evidente de que o que se dicía naquel momento de que era unha medida para a galería era certo. Ademais deste almacenamento no exterior das naves, o goberno socialista mantén á intemperie o depósito municipal dos vehículos retirados polo servizo municipal do guindastre nas antigas instalacións da Policía Local así como “vertedoiros” á beira da depuradora e nunha leira municipal en Vilariño”, conclúen os populares.