Nigrán continúa o “Mes da Memoria” coa chelista Margarida Mariño e a lectura de textos sobre a represión

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Margarida Mariño.

O Concello de Nigrán e o Instituto de Estudos Miñoráns continúa mañá o “Mes da Memoria” cun acto ás 20:00 horas no Auditorio Municipal no que se intercalará a interpretación de cinco pezas a cargo da violonchelista Margarida Mariño coa lectura de textos narrativos alusivos a represión no Val Miñor trala Guerra Civil. A entrada é de balde. Margarida Mariño, licenciada polo Conservatorio Superior de Música del Liceu de Barcelona no 2014, participou o ano pasado na homenaxe da “Volta dos 9”.

Por outra banda, o martes 7 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal terá lugar a presentación do libro “Os nomes do terror. Galiza 1936”, coa presenza de varios dos seus autores. Esta obra constitúe o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores en Galicia que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror. O acto estaba previsto para o martes 17 de outubro pero foi posposto debido á declaración de loito oficial no Concello de Nigrán.

Anuncios