Anuncios
Ticker de novas

Ferreira estuda garantir a permanencia dos praceiros apoiado polos servizos xurídicos municipais

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Praceiros de Gondomar.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, seguindo as indicacións do secretario municipal do Concello, desestima os catro recursos presentados polos licitadores que presentaron oferta á licitación dos postos da Praza de Abastos, e que o rexedor suspendeu “in extremis” o último día de presentación de ofertas por indicación dos servizos xurídicos municipais en contra da decisión do concelleiro responsable da área de Comercio, Xosé Antón Araúxo.

Os licitadores, ante tal paralización, presentaron senllos recursos esixindo ao Concello danos e prexuízos, e que segundo os servizos xurídicos non proceden; así o fai constar o secretario municipal no seu informe, ao mesmo tempo que volve recalcar que o alcalde actuou correctamente e da mellor maneira que procede en dereito ao suspender o procedemento por vulnerarse o principio de igualdade ao sacar a licitación 28 postos e deixar un fóra da licitación.

Así mesmo os servizos xurídicos indican que caben dous procedementos posibles: licitar novamente todos os postos (os 29 existentes) abertamente a licitación pública, ou manter os postos ocupados polos praceiros existentes de acordo á Disposición Transitoria do vixente Regulamento de Mercados Municipal aprobado en pleno no ano 2013. Esta última opción é a que estuda actualmente o rexedor para liquidar a cuestión da redistribución e dinamización do mercado de abastos municipal, “os postos que estean ocupados seguirían rexentados polos actuais praceiros de acordo ao vixente Regulamento Municipal de Mercados, segundo o establecido na súa Disposición Transitoria; os restantes postos baleiros cubriranse por un procedemento aberto a licitación pública”.

“Se no 2013, todas as forzas políticas e representativas de Gondomar aprobamos un Regulamento Municipal de Mercados, que ninguén a data de hoxe denunciou nin impugnou, e que incluía unha Disposición Transitoria para regularizar a situación dos praceiros existentes, non cabe agora outra interpretación posible que acollerse á mesma, salvo que quen crea conveniente denuncie ou pida a modificación do vixente Regulamento Municipal de Mercados”, concluíu o alcalde Paco Ferreira.

Anuncios