Gondomar recibiu este venres ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. A Cabalgata partiu de Vincios pola estrada xeral desde o barrio de Hervillás ata O Tumbio, para logo facer a súa entrada no centro urbano pola rúa Eduardo Iglesias dirección á Praza do Concello, e continuando pola Avda. Conde de Gondomar, Diego Sarmiento e Avda. da Feira para finalizar no Pavillón Municipal de Deportes, onde as Súas Maxestades foron recibidos polas autoridades municipais, novos e maiores.
A comitiva estivo formada pola Banda de Bombos e Tambores e a Rondalla e os Abandeirados da Asociación de Veciños “Galiñeiro” de Vincios, encargados tamén da elaboración das tres carrozas, ademais dos Paxes Reais, pastorcillos e trasgos, repartindo durante todo o percorrido 1.000 quilos de caramelos aptos para celíacos.
Previamente celebrouse unha festa infantil no Pavillón, con todo tipo de animación para os máis pequenos: música, globoflexia, maquillaxe de caras e caracterización e coa presenza de numerosos personaxes de debuxos animados, como Mickey e Minnie, a Abella Maya, Dora a Exploradora ou a Patrulla Canina. Ademais, Cristian de Samil presentou o seu novo espectáculo de animación “Los duendes de la luz”, ideado especialmente para estas festas.
Unha vez sentados nos seus tronos, Melchor, Gaspar e Baltasar recibiron aos nenos e nenas, que puideron transmitirlle en persoa as súas peticións para esta noite.

