Anuncios
Ticker de novas

Nigrán vive unha noite máxica con Pablo Milanés

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pablo Milanés xunto a Coral Stella Maris.

Máis de 5.000 persoas encheron onte o campo de fútbol de Lourido para desfrutar do concerto-homenaxe da Coral Stella Maris e o Concello de Nigrán a Pablo Milanés na única oportunidade de desfrutar este ano en Galicia dun dos máximos expoñentes da nova trova cubana. As 3.000 cadeiras dispostas polo Concello se encheron nunha noite máxica que contou coa presenza sorpresa para o propio Milanés do cantante asturiano Víctor Manuel e Luis Emilio Batallán. O evento foi organizado entre o Concello de Nigrán e a Coral Stella Maris e contou co patrocinio de Generali España.

O cubano subiu ao mega-escenario pouco antes da medianoite tras interpretar a coral de Priegue Stella Maris unha ducia de temas, un deles con Diana Tarín. O máximo expoñente da nova trova cubana deleitou aos asistentes con algúns dos seus temas máis señeiros: “Para vivir”, “El breve espacio que no estás” (tema no que cantou acompañado da Coral Stella Maris) e “Yolanda”, cancións nas que un público entregado tamén o acompañou a coro. Ademais, houbo a oportunidade de escoitar a Milanés en galego interpretando “Aí vén o maio” co seu gran amigo Luis Emilio Batallán. Pero sen dúbida, o momento cume da noite chegou cando, novamente para sorpresa do propio homenaxeado e dos asistentes, apareceu no escenario o seu gran amigo Víctor Manuel, co que se animou a entoar a dúo “Sólo pienso en ti”, tema do asturiano que xa interpretaran xuntos no disco “En blanco y negro”. Ademais, os dous artistas firmaron posteriormente no camerino o Libro de Honra do Concello de Nigrán que lle achegou o propio alcalde de Nigrán, Juan González, quen incluso subiu ao escenario para dar a benvida ao cubano. Milanés foi acompañado nas súas intervencións polo seu pianista Miguel Núñez e algúns máis dos seus músicos máis habituais.

Durante o espectáculo houbo tirada de fogos de artificio e solta de globos. “Foi unha noite única e irrepetible para Nigrán que sempre será recordada e un honor contar con Pablo Milanés e Víctor Manuel, que quixeron vir a Nigrán para esta homenaxe de xeito totalmente altruísta”, resumiu o rexedor.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios