O CB Nigrán pecha o seu campus de Gondomar cunha visita dos bombeiros

O CB Nigrán pechou o seu campus de Gondomar cunha visita especial dos bombeiros, na que os nenos puideron gozar dun refrescante e divertido baño. Do mesmo xeito que fixeron no campus organizado en Nigrán no mes de xullo, supuxo un broche de ouro para todos os nenos e nenas. Durante a mañá, e antes da sorpresa final, os nenos traballaron a comprensión e expresión oral en inglés a través de xogos, actividades e unha divertida gymkhana.

O campus finalizou cun acto de clausura ao que asistiu a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro. No acto todos os nenos e nenas recibiron un diploma conmemorativo da semana en Gondomar, así como unha medalla e as lousas de adestradores que elaboraron ao longo do campus nas actividades manuais.

Con este acto o CB Nigrán pecha unha semana chea de actividades e sobre todo moita diversión, na que ademais de gozar do baloncesto, os máis de 20 nenos e nenas gozaron de Judo con Miguel Romero, primeiros auxilios con Protección Civil, baloncesto en cadeira de rodas co AMFIV, tratamento de residuos orgánicos con David Alves e o seu equipo, manualidades con Rosa Vidal, e inglés con Ricardo Esteban e María Fernández.

O CB Nigrán dá por finalizados así os campus de verán 2017 en Nigrán e en Gondomar, vendo como ano a ano o número de participantes increméntase. A organización está moi satisfeita con todos os nenos e nenas participantes, e xa están a preparar o campus de verán de 2018. Ademais, o CB Nigrán volverá ás pistas de baloncesto o 20 de agosto co comezo da pretempada para as competicións de 2017/18.