Nigrán ultima os traballos para o concerto-homenaxe da Coral Stella Maris a Pablo Milanés

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán ultima hoxe os traballos para instalar o gran escenario no campo de fútbol de Praia América-Lourido de cara ao concerto-homenaxe de mañá da Coral de Priegue Stella Maris a Pablo Milanés, cantautor cubano de fama internacional que participará interpretando algúns dos seus temas míticos. Este espectáculo gratuíto organizado entre a coral Stella Maris e o Concello co patrocinio de GENERALI España arrancará ás 22.00 horas, aínda que previamente e dende as 20.00 horas haberá un pasarrúas por Praia América a cargo de Treboada de Pinzás e pola mañá o escenario empregarase para unha master-class especial de zumba (ás 11:45 horas). Será a única oportunidade de desfrutar este ano en Galicia dun dos máximos expoñentes da nova troba cubana. Ademais, a organización avanza que haberá unha gran sorpresa.

O Concello disporá de 3.000 cadeiras para os asistentes e dende onte se traballa para instalar o mega-escenario no campo de fútbol, que contará con pantallas xigantes, 200.000 wats de iluminación e 60.000 de son, ademais, disporanse sanitarios para o público.

«Será un espectáculo sen precedentes no municipio. Sentímonos moi afortunados de poder desfrutar de Pablo Milanés compartindo escenario coa nosa gran coral de Priegue. É unha oportunidade única», resume o alcalde, Juan González.

Será o quinto dos espectáculos homenaxe que a coral Stella Maris ofrece cada verán, contando na última edición coa intervención de Moncho Borrajo e nesta con Pablo Milanés, que aceptou tras escribirlle unha carta solicitando a súa presencia para o evento. Esta sí será a primeira ocasión en que deixen as instalacións do centro cultural O Torreiro de Priegue (ao que están vinculados), xa que dada a proxección internacional do invitado precisábase dun gran espazo. «As dimensións do evento íansenos das mans», sinalan o presidente do grupo vocal, Juan José Sío; a directora, María Dores Presas; e Javier Cora, un dos seus integrantes.

Coral Stella Maris

A coral Stella Maris foi fundada en 1978 como coro parroquial por Fernando Salgueiro García, avó da actual directora, María Dores Presas, que tomou as rendas ao redor de 1993, cando se refundou co nome actual. Dominan o xénero litúrxico e combinan diferentes estilos e instrumentos, dende o rock ata salsa ou ópera e, por suposto, interpretan algúns dos temas máis señeiros de Pablo Milanés. Actualmente son un referente da música coral na comarca.