Anuncios
Ticker de novas

Nigrán propón máis dun cento de actividades de ocio, cultura e deporte para o mes de agosto

FOTO: PEPE COSTAS

O Concello de Nigrán ofrece este mes de agosto un ambicioso programa cultural e de ocio que arranca co prato forte mañá sábado da coral Stella Maris con Pablo Milanés e pecha coa primeira edición do festival de música “Vive Nigrán” o 26 e 27, ambos no campo de fútbol de Praia América-Lourido. A isto súmanse, entre outros, eventos xa de referencia como a “Andaina nocturna do terror” en Parada (día 11), a concentración de artefactos flotantes “Flota como Poidas” (día 13 ás 18:30 na ponte de A Ramallosa), a observación das perseídas en Chandebrito (día 14) ou a baixada de carros de bolas en Camos (día 15). En total, máis dun cento de actividades de ocio, cultura e deporte ás que se suman novidades como a festa da cervexa artesanal Val Miñor Fest o 18, 19 e 20 e que se iniciaron o día 1 coa organización da festa de San Fiz por parte do Concello.

Así, neste mes terá lugar o novo festival Vive Nigrán, que contará, entre outros, cos grupos Viva Suecia, Tachenko, Las Bistécs, Basanta, Joe Crepúsculo, Da Chick, Be Flecha… Preto de vinte actuacións durante o sábado 26 e domingo 27 que se complementarán con actividades e obradoiros para todo tipo de públicos, mercadiño e food trucks. A este festival súmase o Val Miñor Fest na Ramallosa, dedicado á cervexa artesanal e que contará con diversas actuacións durante os tres días de duración (do 18 ao 20). O Concello colabora tamén na organización de “La Fiesta” do Pazo de Cea, que trae hoxe a Wyoming e achegará tamén a Mikel Erentxun o 18 e Love of Lesbian o 25. Cómpre destacar tamén a saída especial o día 16 da “Parranda de San Roque”, conformada por centos de fieis de Nigrán e que cumpre cen anos peregrinando ata Morgadáns para festexar este día.

Na competición deportiva destaca o torneo nacional de bolos celta en Camos ou o campionato de tenis-praia en Panxón, ambos este sábado e domingo, a carreira Nigrán Area o sábado 12 ou o Torneo de Fútbol Concello de Nigrán o 19 en Condomínguez. Non faltarán as sesións de zumba na praia todos os días agás domingos.

Por outra banda, os máis pequenos terán todos os venres e sábados obradoiros na xa tradicional Feira de Artesanía de Praia América (que estará ata finais de agosto) e os sábados haberá xogos para os nenos en praia América ou Patos, alternativamente. Ademais, como cada ano, o Concello de Nigrán e os diferentes clubs do municipio organizan os campus deportivos semanais, finalizando co de fútbol e o de ciclismo.

“Os patos surfean de noite” pecha o día 31 cunha gran festa na praia a programación especial de verán. Trátase dun espectáculo de surf e luces organizado pola Patos Surf Escola e o Concello e que incluirá diferentes actuacións.

A programación a completan festas como a das Angustias, Camos, a Semana Cultural da Carrasca, teatro… “En definitiva, trátase dun amplo abano destinado a todos os públicos e para todos os gustos seguindo a estela do mes de xullo”, resumiu o alcalde, Juan González.

AXENDA AGOSTO NIGRÁN

Anuncios