
O Club Bolos Camos, en colaboración co Concello de Nigrán, organiza durante esta fin de semana o Torneo Nacional de Bolos Celta coa presenza de corenta equipos de toda Galicia, Asturias e Madrid. O campionato, que se desenvolverá no xogo de bolos de Barreiros (Camos) arranca o sábado ás 10:00 horas ata a medianoite e seguirá o domingo de 9:30 a 14:00 horas. En total, participan máis de 120 xogadores que compiten en tripletas e divididos nas categorías inferiores e xuvenil, cadete, sénior, veteranos e feminino.
O torneo comezará cunha fase clasificatoria que rematará sobre as 17:00 horas para dar paso a unha segunda fase de grupos que concluirá a noite do sábado. Xa o domingo se disputan os cuartos, semifinais, loita polo terceiro e cuarto posto e a final, que será para o mellor de catro partidas gañadas.
Os bolos celta son un deporte ancestral que se retrotrae á Idade de Pedra e do que hai testemuña en todo o mundo, polo que a teoría de que provén dos celtas está actualmente descartada. No Val Miñor practícase especialmente, levando os propios emigrantes este xogo popular a países como Uruguai e Arxentina, cos que actualmente se compite. Nesta comarca celebrouse o verán pasado a sexta competición intercontinental con máis de 300 xogadores de Arxentina, Uruguai, Venezuela, Chile, Portugal e distintos puntos da Península e a continuación Nigrán acolleu o primeiro Mundial.