Parada celebra a terceira edición de “O Camiño do Terror”

FOTO: CENTRO CULTURAL PARADA DO MIÑOR

O Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor organiza por terceiro ano consecutivo “O Camiño do Terror”, unha andaina de 5 quilómetros polo Monte Castelo onde haberá escenas de medo. Nesta edición variouse un pouco o percorrido, que se realiza en grupos de 30 persoas, e os sustos por suposto. Ao finalizar os participantes recibirán un chocolate e algunha sorpresa que terán polo camiño.

Todo empezou cando un grupo de amigos do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor e o Grupo de Baile Breogán Valle Miñor, coa axuda do Concello de Nigrán, decidiron xuntarse para realizar esta andaina sen saber que ía ter tan boas expectativas no primeiro ano, xa no segundo foron mellorando chegando a reunir case mil persoas en dous días.

Este ano, “O Camiño do Terror” terá lugar os días 11 e 12 de agosto, e a saída será desde o campo de futbito de Parada (á altura de Rúa Refina nº 19). Para máis información e inscricións os interesados poden contactar no teléfono 628 986 597.