Farándula Velutina presenta en Nigrán a obra de teatro “A derradeira bala”

O Concello de Nigrán acolle o domingo 12 de xuño ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a obra de teatro “A derradeira bala” de Fernando Castro Paredes a cargo da compañía de teatro afeccionado de Corcubión Farándula Velutina. A entrada é de balde ata completar aforo.

Luciana Cardone decide abandonar as trincheiras para ir na busca doutro mundo, cheo de poesía, teatro, música…pero descuberta e xulgada polos seus superiores, é condenada a morte. Á mañá seguinte, será fusilada coa derradeira bala que garda o pelotón. Mais o amor pola música de Luciana e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño.

Botando man da traxicomedia, o autor tece esta obra cuns diálogos áxiles marcados pola retranca e a ironía. Esta obra pon de relevo o absurdo da guerra a través do propio absurdo, e axúdanos a ver como ás veces nos agarramos a ideas sen sentido. Unha obra conmovedora que nos enfronta a emprender un novo camiño.

A representación forma parte do convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), repetindo así a boa experiencia de 2021. Deste xeito, o Concello achega 7.000 € que permiten traer a Nigrán dez obras de compañías de teatro afeccionado de toda a comunidade. Así, as funcións continúan o 12 de xuño con Farándula Velutina, ademais doutras representacións noutras datas aínda por definir.