Sin categoría

Nigrán subministra unha bomba de impulsión a un orfanato de Mozambique para salvar a súa colleita

O Concello de Nigrán dá un paso máis na cooperación internacional subministrando unha bomba de impulsión á “Casa do Gaiato”, orfanato no sur de Mozambique e auténtico “fogar da salvación” para 160 nenos, moitos deles seropositivos. Algo tan sinxelo como este aparato (que ofrece un caudal de 50 m³/h) permitirá salvar os cultivos dos que se alimenta a gran familia que conforma esta institución en Massaca, a 3 horas en coche da capital, Maputo. A auga captada a 2 quilómetros permite xa regar sen dificultade 10 hectáreas de hortalizas (cenoria, leituga, remolacha, tomate, cebola, kale, repolo, perexil, coandro), 2 hectáreas de fabas, 8 hectáreas de pementos e 5 hectáreas de mangos, laranxeiras, limoeiros, lichis e maracuxás. Este investimento garantirá a súa alimentación (200 persoas ao día) e, ademais, un 50% da colleita poderá ser vendida a un prezo accesible para a comunidade local, revertendo estes cartos, unha vez máis, na compra de produtos complementarios e de primeira necesidade para a alimentación dos nenos.

“Coñecín a ‘Casa do Gaiato’ en senllas viaxes no 2018 e 2022 como presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; o traballo que alí desenvolven coa rapazada deixoume moi impactado, tanto que creo que calquera veciño ou veciña de Nigrán estaría moi orgulloso de que o Concello de Nigrán axude deste xeito”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que a seca que afecta desde hai anos ao país africano está dificultando moito a colleita, e para o “Gaiato” o autocultivo é un dos piares da súa alimentación. “Esta bomba permite que poidan impulsar auga desde unha lagoa próxima ata os seus campos, garantindo así a supervivencia da colleita, algo tan sinxelo mellorará a súa calidade de vida substancialmente”, incide González, quen engade que xa está en funcionamento e que, ata ese intre, levaban a auga directamente en cubos.

Na “Casa do Gaiato” traballa a enfermeira galega María José Castro, “Tía María” para os nenos e quen foi como voluntaria no 2000 e xa non marchou, dirixindo á súa vez a “Fundaçao Encontro” que leva adiante programas educativos relacionados coa saúde e coa que tamén colabora o Fondo Galego. Alí, explica, son como unha gran familia na que todo se comparte (desde a roupa, ao calzado e os xoguetes) e na que todos colaboran nas tarefas domésticas facendo quendas e sempre supervisados por un adulto. Cada ano reciben a unha vintena de rapaces menores de 12 anos que aparecen alí polo seu propio pé ou que os deriva a Policía ou outras institucións ao ficar en estado de abandono, moitos na rúa, e un 30% deles seropositivos que perderon aos seus pais a causa do SIDA. Á súa vez, cada ano unha vintena de entre 15 e 20 anos emancípase tras ter completados os seus estudos, disto depende o nivel de educación acadado (mínimo décimo curso) e da súa propia madurez.