Anuncios
Ticker de novas

Festas de San Fiz en Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Procesión de San Fiz.

O Concello de Nigrán festexa este martes 1 de agosto San Fiz, patrón do municipio e festivo local, co seu programa máis ambicioso ata o momento. Para elo, e como é tradición, o Concello ofrece unha serie de actos ao longo de toda a xornada co obxectivo de darlle a máxima visibilidade a unha data tan sinalada para a localidade.

Así, ás 10:30 da mañá, a Agrupación Musical Lira de San Miguel de Oia fará entrada na Praza do Concello de Nigrán e ofrecerá un pequeno concerto ao que está previsto que asista todo o goberno local. Xa ás 12:00 horas será a Misa Solemne no Ceán cantada pola Coral Polifónica Novos Aires. Posteriormente, ao redor da unha, repetirán unha actuación no propio campo da festa do Ceán a banda de música Lira de San Miguel de Oia para despois proceder á gran tirada de fogos de artificio a cargo de Argimiro Alborés.

Pola noite, dende as 19:00 horas, dará comezo a verbena amenizada polo grupo de gaitas Treboada de Pinzás e dende ás 21:30 horas actuará a orquestra Gran Parada e La Ola. Ademais, dentro da programación de San Fiz a Sociedade Deportiva Bolos do Ceán e o Concello organizaron este fin de semana o xa tradicional torneo de bolos.

“É o programa máis completo que se ten feito dende o Concello para este día; San Fiz é o patrón de Nigrán e dende o goberno consideramos que debería ter unhas festas acordes”, sinala o alcalde, Juan González, quen aproveita a ocasión para felicitar a tódolos veciños e invitalos a participar na festa.

Anuncios