Anuncios
Ticker de novas

Homenaxe á “Marea Branca” no 15 aniversario do “Prestige”

O 13 de novembro de 2002 o petroleiro “Prestige” navegaba con máis de 77.000 toneladas de cru a 28 millas (52 km) de Finisterre, cando se viu envolvido nun temporal e sufriu unha vía de auga.

O 19 de novembro, tras tentar afastalo da costa, partiuse en dous ás 8 da mañá, afundíndose a unha profundidade de 3.850 metros, ocasionando un dos maiores desastres ecolóxicos da historia de España ao alcanzar as manchas de combustible a costa.

O 15 de decembro ven numerosas manchas fragmentadas ao sueste de Cabo Silleiro. Mariñeiros de Vigo e Baiona recollen 40 toneladas a tres millas de Oia. O día 16 detéctase unha gran mancha -de 30 km de ancho e 35 km de longo- a 10 km da Guarda ameazando a costa entre este concello e Oia.

Naceu entón o movemento popular “Nunca Máis”, constituído para organizar a vaga de solidariedade co obxectivo de limpar as zonas afectadas e reclamar responsabilidades ambientais, xudiciais e políticas.

O vindeiro domingo 19 de novembro o Concello da Guarda celebrará unha homenaxe dedicada a todas as persoas que contribuíron á limpeza das costas galegas tras o desastre causado polo afundimento do petroleiro “Prestige”.

O acto comezará ás 12:30 horas e terá lugar no Mirador de Fonte Quente xunto ao monumento “Homenaxe á Marea Branca”, coincidindo coa conmemoración do décimo quinto aniversario do astroso acontecemento que provocou unha vaga de solidariedade e compromiso cidadá en prol da conservación e coidado da costa de Galicia.

A homenaxe contará coas intervencións do alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba; un membro da organización ecoloxista Greenpeace; o ex Patrón Maior da Confraría de Baiona e voluntario da Marea Branca, Suso López; e o creador do monumento e impulsor do acto de homenaxe, Xabier Garrido.

Anímase ás persoas que asistan ao acto a que contribúan aportando unha pedra para completar a base de monumento, cuxo conxunto simboliza a vaga de voluntarios e voluntarias que fixeron posible a recuperación do litoral galego.

Anuncios