Identificados os propietarios de Stone, o can atopado baixo unhas pedras en Baiona

FOTO: BAI.SENPULGAS // Stone dá os seus primeiros pasos na clínica veterinaria.

Segundo informa a protectora de animais Bai.senpulgas a Garda Civil xa ten todos os datos dos propietarios de Stone, o can atopado agonizando en Chan da Lagoa, en Baiona, baixo unhas pedras. O animal recupérase nunha clínica veterinaria, na que xa deu os seus primeiros pasos.

Unha moza descubriu a Stone durante un paseo coas súas cadelas, quen lle indicou o lugar no que se atopaba enterrado. Rapidamente púxose en contacto con Bai.senpulgas, que o trasladou a un centro onde lle deron a súa primeira asistencia.

Ao principio as noticias foron alarmantes, xa que podía ser que a fractura que aparentemente presentaba na cabeza tivese complicacións. Á mañá seguinte acudiron a outro centro onde se lle realizaron as primeiras probas de imaxe. Fanse radiografías do cranio e obsérvase fractura do óso frontal, pero a cavidade cranial parece intacta.

Ante o estado estuporoso de Stone e sintomatoloxía neurolóxica (convulsionou varias veces), os veterinarios recomendan acudir ao servizo de neuroloxía do hospital Montenegro do Porto. Desde Bai.senpulgas deciden que van loitar por el e dous voluntarios lévano en coche ata alí, onde as están esperando.

Inicialmente íaselle a facer un TAC, pero ao chegar Stone comeza con crise convulsivas, entra por urxencias no hospital e tras estabilizalo, acaban facendo unha resonancia magnética. Con esta proba pódese valorar ben os tecidos brandos ou se existe algún sangrade que non se estea vendo.

Os resultados animan moito. Stone ten lesións inflamatorias, pero non hai aumento de presión intracraneal nin lesións severas que necesiten cirurxía por agora. As recomendacións: repouso, fluídos e tratamento médico para a inflamación e a dor.

“Aínda necesita tempo e moitos coidados pero queremos agradecer na alma e de corazón todas as doazóns e apoio que recibiu este cachorro, xa temos suficiente para el, agora só toca esperar a súa recuperación, que vai ser lenta, pero merece a pena, el quere loitar, el non se rende”, sinalan desde a protectora.

“Grazas a todos vós isto foi posible, os que doastes, os que o visitastes, os que nos deron ánimos, os que desde o primeiro día puxéronse en busca dos responsables… por todo. Hoxe sabemos que todo ese esforzo valeu a pena”.

Así mesmo, desde Bai.senpulgas animan a denunciar os casos de malos tratos animais. “Denuncia, é moi importante! Dálle voz ao que non a ten, regálalle vida!”.