As patrullas mixtas facilitan a estancia en Baiona dos turistas portugueses

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A principios do pasado mes de xuño incorporáronse á Comandancia da Garda Civil de Pontevedra dous efectivos da GNR portuguesa, que están a prestar os seus servizos nos Postos Principais de Baiona e Sanxenxo no marco do Plan Turismo Seguro-2017.

Este venres, os medios de comunicación coñeceron o traballo diario que realiza a patrulla mixta formada por estes efectivos da GNR e da Garda Civil destinada no Posto Principal de Baiona-Nigrán.

Félix Díaz Juan, Tenente Xefe do Posto de Baiona-Nigrán, destacou no encontro que o método de traballo da GNR é moi similar ao da Garda Civil. “Vénnos moi ben porque eles achégannos uns métodos algunhas veces diferentes e eles tamén aprenden de nós. Todo é positivo. Os veciños portugueses reciben con moito agrado que lles atenda un compatriota da GNR, ás veces simplemente requírenlle para falar con el”.

Roi Correia, Cabo da GNR, sinalou que o propósito “é axudar aos turistas portugueses a sentirse máis en casa, máis próximos, e axudar nalgún problema lingüístico ou cultural que poidan ter e facilitar o contacto coa Garda Civil”.

Pola súa banda, Manuel Touriño, do Posto Principal de Baiona-Nigrán, destacou que “sempre atrae novas experiencias, temos unha forma de traballar moi similar, e por tanto encantados de telos aquí e poder botarnos unha man. É importante telos aquí e facilitar a atención policial e darlle unha maior calidade ao cidadán portugués que veranea aquí”.

As patrullas mixtas de Garda Civil e GNR funcionaron con bos resultados o pasado verán en Baiona e Sanxenxo, e este ano repítese o operativo dentro do Plan Turismo Seguro. Na zona costeira o principal delito no verán é o furto de carteiras en praias ou vehículos. En Baiona e Nigrán veranean entre 8.000 e 10.000 portugueses, algúns mesmo con vivenda propia na comarca.

O ano pasado, grazas a unha investigación iniciada pola patrulla mixta de Garda Civil e GNR nos meses de verán, conseguiuse meses despois deter a un cidadán portugués con orde de captura internacional.

O Plan de Turismo Seguro, que se integra anualmente no ámbito da “Operación Verán” para reforzar as medidas de seguridade nas zonas de maior afluencia turística, ten por finalidade facilitar unha atención policial de maior calidade á poboación estranxeira que se atope de turismo en España, efectuándoa cunha maior rapidez e eficiencia ante calquera tipo de información que demande ou necesidade que puidese xurdirlle mentres permaneza no noso país.

Anuncios