A Coral Polifónica A Merced de Chaín celebra este sábado o seu 25 aniversario

FOTO: CENTRO CULTURAL A MERCED DE CHAÍN

1.992 foi un ano que deixou pegada na historia recente de España e que nos colocou no mapa fronte a outros países.

Por aquel entón conmemorabamos o V centenario do descubrimento de América, inaugurabamos os Xogos Olímpicos de Barcelona, estreábamos o AVE para viaxar á Expo de Sevilla onde coñecemos a Pelegrín e mesmo comezamos a circular libremente por Europa para traballar.

Mentres isto sucedía polo mundo adiante en Chaín, un grupo de veciños forxou e materializou a idea de facer unha coral que logrou chegar ata os nosos días e queren celebralo como se merece.

Para iso teñen preparado un espectáculo musical ao aire libre que será conducido polo grupo de teatro A Moura e onde a gran protagonista será a Coral Polifónica A Merced de Chaín.

O espectáculo terá lugar o 29 de xullo a partir das 21:00 horas cunha duración de dúas horas e consistirá en diversas actuacións musicais da Coral soa e facendo duetos coas dúas corais convidadas (Coral Polifónica Santa Eulalia de Donas e o Coro da Agrupación Musical de Vincios) interpretando estilos do máis variado: ritmos africanos, habaneras, música tradicional galega… Interactuará ademais co grupo de Baile e Gaitas (Muiñeira) e mesmo coa Rondalla do CC A Merced de Chaín versionando o tema de Vangelis “1492: La conquista del paraíso”, tema que dá título ao espectáculo.

Anuncios