Vive Nigrán presenta as súas actividades Picnic Pop para toda a familia

A última das citas dos Rías Baixas Fests completa a súa proposta musical con diversas actividades paralelas para gozar en familia de dous días de Picnic Pop Festival. A contorna de Praia América en Nigrán acollerá, alén da música, presentacións, charlas, obradoiros, mercadiño, actividades infantís e gastronomía variada para todos os públicos os próximos 26 e 27 de agosto.

PRESENTACIÓNS, CHARLAS E OBRADOIROS

Isaac Pedrouzo, non só pincha discos, a el gústalle tamén “pinchar” historias, opinións e vivencias como se dunha canción se tratase, por iso presentará no marco do festival o seu libro “Todo tiene una historia”. Na actualidade comparte a súa enciclopédica bagaxe musical en columnas cheas de ironía en La Voz de Galicia, e recentemente vén de publicar o libro autobiográfico onde cada relato ten a súa banda sonora, coma se a música fose o verdadeiro subtexto da vida deste DJ vocacional. O ourensán aproveitará o seu paso por Nigrán para presentar o seu traballo, brindándonos así a ocasión de interactuar cun dos maiores expertos en música contemporánea do país e descubrir como é iso de ver a vida cun ouvido musical.

Carlos Galan é o director e fundador de SubterfugeRecords, marca nada no Madrid de 1989 coa edición do fanzine homónimo e que pronto se desenvolvería como unha compañía discográfica independente. Desde entón, o novo selo soubo adaptarse como poucos aos cambios acaecidos trala revolución dixital e foi un dos principais axentes no deseño da nova era do negocio musical. Os compoñentes de Subterfuge promoven novos talentos, organizan xiras e eventos, producen documentais e seguen apostando polo formato físico. Temos a honra de recibir en Nigrán a Carlos, quen coa súa charla “Viaxe ao centro de Subterfuge” fará un percorrido pola historia do mítico selo independente madrileño a través de imaxes, cancións e, por suposto, da palabra.

Javier Becerra iniciouse no xornalismo musical nos primeiros noventa editando o fanzine Feedback, colaborou con Ruta 66 e, no 2001,foi un dos impulsores de http://www.feedback-zine.com. En Vive Nigrán ofrecerá unha charla titulada “Dez hits da historia do pop explicados para nenos (e maiores)”. Trátase dunha aproximación á historia da música popular a través dunha decena de feitos clave que transcenderon á música: desde a revolución da beatlemanía á aparición espectacular do “Thriller”de Michael Jackson, pasando pola visión galáctica do rock de David Bowie. Todo pensado para introducir aos os máis pequenos e pequenas na música, pero tamén para lembrar aos pais e nais por que se engancharon a ela e non a outra cousa.

Cristina Pontanilla é unha habilidosa fotógrafa con estudio en Pontevedra que desvelará algunhas técnicas básicas para capturar os momentos fugaces da vida. O obradoiro que impartirá en Vive Nigrán estará dirixido a toda persoa maior de oito anos en posesión dun móbil ou cámara dixital -propia ou prestada-, pero sobre todo, moitas ganas de aprender.

ACTIVIDADES INFANTÍS

Nenos e nenas de todas as idades terán a oportunidade de demostrar o seu talento no concurso Debuxa Nigrán. No recinto do festival habilitarase un espazo con material de debuxo para poder verter toda a creatividade da xente cativa, que poderá optar a diferentes premios. Para participar só haberá que plasmar unha ilustración que represente a particular visión de cada artista dun día de verán en Nigrán, de calquera dos elementos de interese do concello ou da súa propia experiencia neste recuncho do litoral. Farase unha exposición de todas as obras no espazo do evento, xunto ás fotos xurdidas do obradoiro de fotografías con móbiles.

A través das lentes pop de cores, e visto dende un metro de altura, Nigrán é como un reino encantado á beira do mar. Nada mellor que o fondo musical das cancións máis fantasiosas para deixar voar a imaxinación, e co obradoiro de pintacaras, axudar a nenos e nenas a converterse, por un momento, no que queiran ser.

Ademais, en Vive Nigrán tamén haberá un espazo dedicado a que os máis pequenos poidan gozar comendo e cociñando alimentos tan deliciosos coma saudables. O obradoiro de Minipizzas 100% vexetarianas guiará aos máis cativos na fantástica alquimia dos sabores coa fin de conseguir as pizzas máis saborosas con produtos frescos e naturais como champiñóns, calabacín, millo, berenxena ou pementos para que descubran que se pode cociñar sen deixar de pasalo ben. E para beber que mellor proposta que os granizados naturais? Unha bebida sen gas composta ao 100% por froita exprimida que fará as delicias da xente miúda. Dunha maneira fácil e sinxela aprenderán facer os seus propios refrescos de limón e sandía. Un plan para chupar os dedos!

MERCADIÑO E GASTRONOMÍA

Rebuscar entre os postos dun mercadiño un día de verán e atopar todo tipo de pequenos tesouros inesperados pode converterse nun dos micro-praceres das vacacións. A zona de Nigrán e Sabarís ten unha ampla tradición de mercadiños de antigüidades e en Vive Nigrán queren unir esta tradición local aos aires pop dos Flea Market londinenses para montar o noso pequeno Carnaby Street á galega.

Se a isto lle sumamos que non hai evento que se prece sen algo de petiscar, no festival adaptan esta tradición local ao espírito picnic pop, convocando unha serie de foodtrucks ou camións gastronómicos que se achegarán ao campo de Lourido cunha oferta selecta pensada para todos os públicos. Hamburguesas premium, xeados artesáns, bocadillos gourmet, ensaladas orixinais, unha gran variedade de tapas, cociña vexetariana, vegana e sen glute completarán a oferta gastronómica deste picnic musical.

VENDA DE ENTRADAS

As entradas poden adquirirse anticipadamente en ticketea e nos puntos de venda física: A Reixa tenda (Santiago), Elepé (Vigo), Joakina (Vigo), Sin Sat (Nigrán), Plaza Fitness Sport Center (Nigrán), Chac-Mool (Playa Patos), Doppler e Café Pop Torgal (Ourense), Carnaby (Pontevedra). O custe para unha xornada é de 10 euros e 15 euros o bono de dous días. En taquilla o custe será de 14 euros a entrada de día e 20 euros bono completo para todo o festival.