Inscricións abertas para participar nas cucañas marítimas e nos Xigantes e Cabezudos da Anunciada

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona xa iniciou os preparativos para celebrar entre os vindeiros 4 e 6 de agosto unha das festas máis esperadas na Vila: A Anunciada. Co gallo da celebración a Concellería de Cultura anunciou este xoves as bases para poder participar nos tradicionais xogos de cucañas marítimas e na comparsa de Xigantes e Cabezudos, enmarcados dentro do programa Baiverán 2017.

As cucañas marítimas de Baiona organízanse anualmente o primeiro domingo do mes de agosto, dentro da programación da Festa da Anunciada, que este ano coincide o día 6 de agosto, ás 17:00 horas, no porto pesqueiro. Poderá participar calquera persoa maior de idade e os maiores de 12 anos con autorización.

As inscricións formalizaranse por rexistro de entrada no Concello ata o 4 de agosto e establécense dous premios: Bandeira normal (10 euros) e Bandeira especial (20 euros).

Por outra banda, tamén abriuse o prazo para inscribirse na comparsa de Xigantes e Cabezudos que desfilará polas rúas do Casco Histórico o sábado 5 e domingo 6 de agosto. Neste caso tamén poderán participar os maiores de 12 anos e o prazo de inscrición remata o 3 de agosto.

A comparsa de Xigantes e Cabezudos estará composta por dez cabezudos (A Ratiña, Popeye, Diaño, Napoleón, Negro, Negra, Pallaso cabeza grande e o Pallaso de cabeza pequena, o Gato cabeza pequena e a Bruxa cabeza pequena) e dous Xigantes (Rei e Raíña), que bailarán ao son da música durante o percorrido polo casco antigo de Baiona. Establécese dous premios, Cabezudo (30 euros) e Xigante (150 euros).

Anuncios