Anuncios
Ticker de novas

Servizos sociais, comercio e turismo, as outras vítimas do bloqueo orzamentario en Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor sinala nun comunicado que “a cega estratexia dos estraños compañeiros de viaxe na oposición de Gondomar” -PP,CABE e IXG-, non só é un grande atranco para que o Club de Patinaxe Artística Gondomar poida competir en China, no Campionato Internacional de Grupos Show de Nanjing o 3 de setembro, senón que ten efectos moito máis devastadores. “A onda expansiva impacta duramente noutras áreas como os Servizos Sociais ou na Concellería de Comercio e Turismo”.

Aseguran que Gondomar precisa dos 35.000€ que ían destinados a Servizos Sociais, especificamente para persoas en risco de exclusión social. “Estaban na modificación de crédito que a negativa estratexia de bloqueo destrutivo impediu”, así como os 4.000€ para o programa Vacacións en Paz, destinado á acollida temporal de nenos saharauís.

“Esta é unha Concellería que ten prioridade absoluta para este goberno. Unha Concellería que ten que suplir moitas carencias familiares. Un departamento que debe correr cos gastos de luz, auga, alugueiro, acondicionamento de vivendas… de persoas en risco de exclusión social”, engaden.

Así mesmo, Manifesto Miñor afirma que son tantas as necesidades que son prioridade para o goberno local que non desexa ter que sacar diñeiro do acondicionamento de vivendas. Tampouco dos 4.067€ para atención educativa, en gabinetes de nenos, con necesidades educativas, en risco social, do que se dedica a comedor escolar, 44.174,20€, co obxectivo de facilitar a inserción laboral dos pais e contribuír á gratuidade do ensino público e dos servizos, ou dos 112.802,52€ que se dedican á axuda en fogares con persoas que a precisan para ter unha mínima calidade de vida. “Polo tanto, eses 35.000€ eran vitais para as persoas de Gondomar que máis precisan da nosa atención”, insisten.

No caso da Concellería de Comercio e Turismo, sinalan que a situación é tamén sangrante, xa que só dispón de 6.835,24€ para todo o ano. “Por surrealista que pareza esta cifra, é así. Esta Concellería ten en marcha a realización dunha completa guía de turismo, dos que a Deputación achega 16.396€ e precísase que o Concello poña a disposición o 29% restante. Ou sexa Gondomar poder perder máis de 16.000€, senón rectifican”. Tamén estaba prevista a dotación de 1.089€ para as prestixiadas xeiras do IEM.
Recordan ademais que o Turismo, segundo o informe de emprego encargado no seu día polo PP, e logo abandonado no caixón do esquecemento, é un área vital para desenvolver a economía do Concello.

Para Manifesto Miñor, a clave da razón destes desfases orzamentarios está en que o Goberno de Gondomar está obrigado a traballar cos orzamentos que manexaba o PP.

“Cando tiña maioría a coalición de progreso gobernante, os responsables dese área non deron elaborado e aprobado un Orzamento. Por tanto, hai que traballar cun presuposto onde as prioridades son diametralmente opostas ás do novo goberno, onde os servizos sociais foron reforzados a conciencia. Onde o Comercio e o Turismo pasaron a ser unha prioridade. Nada que ver cos tempos onde había grandes partidas para alcalde e concelleiros e mingurrias como 6.800 € para Comercio e Turismo”.

“Se esta forma rancia de entender a política era previsible no PP, no caso da autoproclamada “esquerda rupturista”, é realmente desconcertante. Pero cando se opta por seguir o vello principio da diplomacia bélica; “O inimigo do meu inimigo é o meu amigo” ou, aquilo de: “canto peor mellor”; un coincide con estraños compañeiros de viaxe que onte impiden a delimitación de núcleos para evitar que se poidan derrubar vivendas legalizables; hoxe poñen en dificultade a viaxe a China do CPA, outro afogan os servizos sociais, ou levan á irrelevancia ao turismo e ao comercio de Gondomar. Cremos que esta non é a forma de actuar que o pobo merece e espera dos que debemos colocar ao interese público por diante dos intereses partidarios ou persoais”, conclúe o comunicado de Manifesto Miñor.

Anuncios