Baiona celebra o Día de Galicia cun concerto de Faltriqueira

A Praza do Concello de Baiona acollerá este martes 25 de xullo, Día de Galicia, o concerto de Faltriqueira, a través do programa “Cultura no Camiño” da Xunta de Galicia e incluído no Baiverán 2017. A actuación comezará ás 23:00 horas.

Esta formación de música tradicional con máis de 15 anos encima dos escenarios fusiona a polifonía coa percusión e os instrumentos acústicos, influencias musicais de todo tipo e calquera lugar.

O espectáculo que ofrece Faltriqueira en directo resume a súa traxectoria. A complicidade e a paixón son os ingredientes fundamentais para seguir xirando.

A banda está formada por Ana Leira, María López e Carolina Rodríguez (voces e percusións lixeiras), Ricardo Roces (guitarra), Jorge Juncal (acordeón), Alfonso Calvo (contrabaixo) e Roi Adrio (percusións).