Nigrán acolle a fase final do Campionato Galego de Balonmán Praia

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán acolle este martes de 10:00 a 21:00 horas a fase final do VII Campionato Galego de Balonmán Praia, competición que arrancou en xuño en Samil. Nesta ocasión o escenario é Praia América, onde se proclamarán os campións galegos de todas as categorías (dende alevín a sénior en femininos e masculinos). Os oito mellores equipos de cada categoría son os que se disputan este campionato galego e o pase ao campionato de España. En total, preto de 70 equipos e 280 xogadores se darán cita no areal nigranés. Ao igual que sucede no vóley praia ou no fútbol praia, este practícase descalzo nunha praia de area. Nesta disciplina hai dous equipos, cada un con catro xogadores (incluíndo ao porteiro) e o terreo de xogo é un rectángulo de 27 metros de longo e 12 metros de ancho.