
O Alboroto colocouse líder este sábado da Liga de Inverno Baitra J80, que se estreou na ría de Vigo coa participación de 26 veleiros armados e tripulados por regatistas de numerosos puntos de Galicia, Asturias, Madrid e Portugal.
O equipo, liderado por Juan Carlos Ameneiro e actual campión de España da clase, resultou vencedor na única proba que se puido celebrar nun día de regatas afeado polo vento, que estivo moi rolón e as poucas veces que se estableceu, soprou con pouca intensidade.
Non permitiu ao comité de regatas poñer en xogo as tres probas que tiña previstas nin tampouco montar un campo en forma de trapecio, que era un dos obxectivos do día para ofrecerlle á frota a posibilidade de ir adestrando o tipo de percorrido ao que, previsiblemente, enfrontarase no Mundial de setembro.
O director deportivo do Monte Real Club de Yates, Roy Alonso, explicaba ao finalizar a xornada regateira que “para montar ese tipo de trazado é necesario que o vento estea establecido e nesta xornada non se logrou. Necesitamos -dixo Alonso- que o vento estea estable en moita máis área da que se necesita para os bastóns, e por iso nesta xornada, con estas condicións, optamos por este modelo. Pero o obxectivo segue sendo buscar ese trapecio para que se poidan adestrar de fronte ao campionato do mundo”.
Na única manga disputada na zona de Carallones, Maija, Alboroto e Marías foron os tres barcos destacados, e non só por acabar nos postos do podio provisional, senón pola súa gran actuación durante a proba. O Maija, con Castor Alonso aos mandos, fixo unha moi boa saída e mantivo a pelexa ata o final, aínda que se lle escapou o primeiro posto a mans do Alboroto.
Os de Ameneiro, a pesar de non saír en tan boa posición, foron capaces de remontar ao longo do percorrido e cruzar a liña de chegada deixando ao resto da frota á súa popa, co que chegarán na cabeza da clasificación á seguinte xornada, prevista para o día 25.
Outro dos equipos que protagonizou unha gran remontada foi o portugués Marías, liderado por Manel Cunha. A tripulación lusa viu pasar a case un terzo da frota por diante durante a primeira parte do percorrido, pero na segunda parte lembroulles ao resto por que é un dos aspirantes ao título, pasándoos a case todos e acabando a proba en terceira posición.
O problema chegoulle ao Marías cando, unha vez en terra, o comité procedeu á pesada de tripulacións e o equipo non se presentou, co que o barco foi penalizado con dous puntos, caendo da terceira á quinta posición.
E do cuarto posto ao terceiro subiu o Miudo, no que se estrearon na liguiña dous grandes da vela en Galicia, Marga Cameselle e Víctor Mariño. A pesar de non ser habituais das competicións de J80, ambos demostraron a súa valía e deixaron aviso de que darán guerra durante as próximas xornadas.
Antes de mandar á frota de volta a terra e poñer punto e final á xornada, o comité de regata tentou poñer en marcha unha segunda proba pero o vento volveu facer das súas, co que a clasificación da xornada inaugural pechouse cunha única puntuación.