O PP de Nigrán acusa o goberno socialista de incumprir polo menos sete acordos plenarios

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O PP de Nigrán, a través do seu grupo municipal, asegura que o actual goberno socialista ostenta no momento actual o triste record de ser o que incumpriu máis acordos plenarios desde a época da transición.

Cando o goberno municipal de Nigrán, encabezado por Juan González, atópase na metade do seu mandato, recoñeceu en sesión do Pleno na que se revisou o cumprimento dos acordos plenarios que incumprira polo menos estes sete:

1.- Acordo plenario sobre elaboración dun Plan de verteduras en Nigrán.

2.- Acordo Plenario sobre Recurso contencioso-administrativo financiamento Obras de Abastecemento de Auga á parroquia de Parada.

3.- Acordo plenario sobre ordenanza fiscal aproveitamento do dominio público de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos.

4.- Acordo sobre elaboración de Plan de Mobilidade en Nigrán.

5.-Acordo sobre elaboración e posta ao día de contidos do Portal de Transparencia.

6.-Acordo do Pleno do 17 de Decembro do 2015 sobre o Control do servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Varia.

7.- Acordo sobre reevaluación ordenanzas de prezos públicos, con especial fincapé na valoración da derrogación da Ordenanza fiscal de Uso de duchas e lavapés en praias de Nigrán (aínda segue vixente, aínda que non se cobra polo uso da auga).

Ademais do anterior, neste último Pleno de xuño, ante consulta dun grupo da oposición ao Alcalde sobre se cumprira co acordo do Pleno de remitir á Xunta de Galicia o acordo sobre o arranxo de varios viarios e o posterior traspaso da titularidade ao Concello, este contestoulle dubitativo que lle parecía que non (tal como constará o audio da devandita sesión plenaria que estará dispoñible na páxina web institucional do Concello de Nigrán).

O Grupo Municipal Popular considera que se os temas que expoñen para levar a Pleno e son aprobados non van ser cumpridos, é tempo e traballo perdido o insistir en levar novos temas a sesión plenaria, e todo iso contando con que se trata dun goberno en minoría, por tanto obrigado a pactar e acordar para poder sacar as súas propostas adiante. “Podemos imaxinarnos con facilidade como sería a súa actitude con maioría absoluta”, conclúen desde o PP.