O nigranés Alejandro Nande, na elite da hípica española

Alejandro e Savannah no CPEDI3* celebrado en Hartpury.

Alejandro Nande (Nigrán, 1979), xunto co seu cabalo Savannah, foi un dos seis integrantes do equipo español que participou no CPEDI3* de Doma Clásica Adaptada (DCA) ou Doma Paraecuestre celebrado en Hartpury, situado na localidade británica de Gloucester.

O equipo español finalizou en terceira posición e ademais, de maneira individual conseguiu tres terceiras posicións no grao V, entre elas a de Alejandro, cun 66.600%, media que a FEI solicita para os europeos de Göteborg que se celebrarán a mediados de agosto.

Con todo, non será posible a participación dun equipo nos Campionatos de Europa, dado que o regulamento FEI esixe que para a súa formación que polo menos un dos deportistas sexa dos graos I, II ou III. Aínda así, a RFHE está a estudar a participación de dous binomios a título individual.

Alejandro naceu cunha discapacidade visual do 80% que non impide que estea na elite da hípica española. Ten no seu haber campionatos e subcampionatos de España de doma clásica paraecuestre, pero tamén galegos absolutos. Foi campión de España no 2015 e os dous últimos anos quedou subcampión nacional da especialidade.

El mesmo comprou, criou e domou a Poca Pena e Savannah, os dous cabalos cos que compite na especialidade paraecuestre, pero tamén en probas absolutas, de igual a igual con xinetes sen discapacidade.

A súa próxima meta é conseguir o apoio da Federación Española de Hípica para poder participar nas paraolimpiadas de Xapón, e o seu gran soño, poñer en marcha un centro ecuestre de alto rendemento en Gondomar. Mentres, adestra na súa hípica do Ceán.