Baiona xa traballa no V Frades Sunset Festival tras recibir este ano a case 10.000 persoas

Preto de 10.000 persoas acudiron entre o martes e o mércores desta semana á cuarta edición do Frades Sunset Festival, segundo os datos facilitados pola Policía Local. As Concellerías de Cultura e de Turismo de Baiona comezaron xa a traballar na vindeira edición despois de analizar os resultados e comprobar o éxito de público conseguido tras ampliar a cita a dúas xornadas.

“A resposta foi excelente e estamos moi sorprendidos pola afluencia de público de todas as idades, polo que na vindeira edición intentaremos ampliar os horarios e tamén programar actividades que poidan abarcar a todos”, explicou a concelleira de Cultura, María Iglesias.

Ao longo do martes e o mércores a zona da praia de Frades e o Monte Boi recibiron a milleiros de persoas que acudiron para desfrutar da grande variedade de concertos e actividades. O festival de música electrónica que organiza o Concello de Baiona, enmarcado na programación do Baiverán 2017, recibiu unha gran aceptación por parte do público máis novo de Baiona e da comarca, aínda que tamén puido observarse unha importante presenza de familias e adultos entre os espectadores grazas á espectacularidade do entorno no que se desenvolve e a calidade das actuacións.

Dende o Concello de Baiona apuntan tamén que a cita xa se converteu nun referente para a música electrónica en Galicia e a chegada de visitantes tivo unha importante repercusión na establecementos da Vila. “É un moi boa oferta de ocio e os hostaleiros xa nos transmitiron os bos resultados obtidos durante estes dous días”, engade María Iglesias.

Na programación deste ano, o Frades Sunset ofreceu a actuación de baioneses que xa triunfan no panorama internacional, como DJ Yaggo ou Ludwig van Brothers, e tamén concertos de recoñecidos músicos como Abel Ramos, Olga Ryazanova ou Fonsi Nieto. Algúns artistas, como o ex piloto ou Groove Amigos, compartiron nas súas redes sociais as espectaculares imaxes que tomaron dende o escenario do Monte Boi.

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba) colaborou co Concello na organización e instalou servizos de hostalería para os espectadores. Ademais, houbo zona “chill-out” e “food-trucks” foron outras das ofertas do IV Frades Sunset Festival.