Aprobadas as licenzas para a ampliación de Snop e a instalación de Nebrinox en Porto do Molle

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

A Xunta de Goberno Local do Concello de Nigrán vén de aprobar a licenza para a ampliación da fábrica Snop Estampación en Porto do Molle e de conceder unha nova para a construción dunha nave destinada á fabricación de maquinaria pesada por parte de Industrias Nebrinox. En total, ambas suman un orzamento de execución da obra de preto de 3 millóns de euros (2.121.175 Snop e 823.917 euros Nebrinox).

«Porto do Molle non só significa novas posibilidades de emprego para os veciños de Nigrán, senón que o seu propio crecemento ordenado e sostible proporciona ao Concello os ingresos necesarios para levar adiante máis e mellores políticas sociais, como é o caso. Este parque empresarial é unha parte fundamental do desenvolvemento de Nigrán e un referente en innovación, I+D ou ecoloxía que representa a mellor imaxe dun municipio dinámico, moderno e emprendedor», sintetiza o rexedor, Juan González, quen defende este modelo de crecemento ordenado e sostible como premisa para o crecemento de Nigrán.

Snop Estampación, firma gala vinculada á fabricación de compoñentes metálicos para a automoción, ten en Porto do Molle unha parcela de 36.000 m2 e obtivo licenza para incrementar a superficie construída en 6.682,55 m2, cun máximo de 12 metros de altura. Así, esta será a terceira ampliación da planta, que actualmente conta con 18.000 m2 de superficie construída.

Por outra banda, Industrias Nebrinox S.L. obtivo licenza para a construción dunha nave de 1.768 m2 e 12 metros de altura máxima na parcela 2.05. Esta estará destinada á fabricación de maquinaria para o sector industrial.

«Cada vez que unha empresa se instala en Porto do Molle atrae á súa vez a novas firmas que se dan conta das grandes posibilidades que ofrece este parque que actualmente reúne a industria non contaminante de todos os ámbitos animada polo valor engadido e localización do parque”, conclúe Juan González, alcalde de Nigrán.