Centos de persoas asistiron este martes ao Frades Sunset Festival, un festival único na nosa comunidade e que despois de catro anos xa é unha referencia dos ritmos electrónicos en Galicia, que se celebra nun lugar incomparable polas súas postas de sol e que nesta ocasión amplíase a dous días.
Despois de tres anos repetindo éxito tras éxito, as Concellerías de Cultura e Turismo, coa colaboración da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), deseñaron un atractivo cartel encabezado por Fonsi Nieto, Abel Ramos e Olga Ryazanova para converter a praia de Os Frades no epicentro da música electrónica.
Así, nesta primeira xornada, Yaggo, que triunfa no panorama internacional da música electrónica, foi o encargado de abrir o evento. O DJ baionés, que participou en todas as edicións do festival e que asesora ao Concello cada ano para configurar o cartel, acompañou a posta de sol aínda que cun ceo cuberto de nubes, xunto con Brais Novoa ao teclado e a guitarra.
Polo escenario situado aos pés de Monte Boi pasou despois o dúo tamén baionés Ludwig Van Brothers, composto por Vince Stone e Rober Vilar, que actuaban por primeira vez xuntos, e que deron paso ao prato forte do día, Fonsi Nieto. Groove Amigos foron os encargados de pechar a noite, na que non faltaron as gogós e as performances de Pablo Méndez.
O mércores, a hora de apertura será ás 19:00 horas e o peche ás 5:00 da madrugada. Nesta ocasión, a apertura será para Traffic House, DJ Ángel Vakeiro e Gabry Domínguez, mentres que Abel Ramos, Olga Ryazanova e Yaggo serán os encargados de baixar o pano da cuarta edición do Frades Sunset Festival. Ademais, Pablo Méndez volverá animar a festa coas súas performance.
Ao longo do evento os asistentes dispoñen de zona chill-out, servizo de barra e de diferentes food-truck’s que ofrecen variadas viandas, unha infinidade de delicatesen nun marco incomparable cun son de fondo sen igual.

