Anuncios
Ticker de novas

Os mariñeiros de Baiona honran á Virxe do Carme

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

A Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona celebrou este fin de semana os actos na honra da súa patroa, a Virxe do Carme. O domingo tivo lugar a Misa Solemne na Ex Colexiata de Santa María, á que asistiron a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o alcalde, Ángel Rodal, e a Patroa Maior, Susana González, xunto con outros membros da corporación municipal e do pósito.

Ao finalizar a Eucaristía deuse paso á homenaxe ao mariñeiro de máis idade e á mariscadora máis veterana, Fermín Pousa “O Migueliño” e Rosa Granja, que recibiron unha metopa, un diploma e unhas flores de mans dos conselleiros, o alcalde e a patroa maior.

A continuación, saíu a procesión na honra da Virxe do Carme polas rúas de costume, acompañada pola Banda de Música de Baiona. Antes de recollerse de novo na Igrexa Parroquial, o grupo da Danza das Espadas dedicou o tradicional baile a Fermín e Rosa na Praza de Santa Liberata.

Medio centenar de barcos na procesión marítima

Xa o luns pola tarde, finalizaron as celebracións coa tradicional procesión marítima, na que medio centenar de embarcacións acompañaron á Virxe do Carme no seu percorrido pola baía. Xa fronte ás costas de Monte Boi, procedeuse á ofrenda floral, non só polos mariñeiros, senón por todo aquel que faleceu no mar.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios