Anuncios
Ticker de novas

Lucía Vázquez pechou o Open de Galicia XCO con vitoria en Gondomar

Outro fin de semana con dobrete triunfal para Lucía Vázquez. A biker do ProRebordosa impúxose o sábado no I Campionato de Galicia Eliminator e ao día seguinte na última proba do Open de Galicia – Anova de Cros Country Olímpico (XCO) celebrada en Gondomar. Contando esta tempada co apoio do do “Plan Social Pontevedra” de Ence, a biker elite pechou o certame autonómico con cinco vitorias parciais.

Tras ser profeta na súa terra anotándose o Campionato de Galicia Eliminator na súa localidade natal de Vilaboa, Vázquez presentouse en Gondomar “con moita fatiga acumulada do sábado”. A súa principal rival nesta proba, Irene Trabazo (Marín – Ottoman), atopábase nunhas circunstancias similares polo que a vilaboense non dubidou en pasar ao ataque desde o principio.

“Arranquei na primeira volta e non puido collerme a roda. Así que a partir de aí dediqueime a controlar, pero o esforzo fíxose agónico debido ao cansazo e á calor”, apunta a corredora do ProRebordosa, que cun tempo de 1:24:47 levantou os brazos “nun dos mellores circuítos de Galicia”.

Trabazo finalizou a seis minutos e o terceiro posto ocupouno Nuria Senra (Eskornabois), gañadora da xeral elite da Copa Galicia. Vázquez participou esta tempada en catro xornadas puntuables do certame autonómico e asinou un pleno de triunfos. Venceu en Ferrol, Marín, O Carballiño, Sanxenxo e Gondomar. Un repóker de vitoria que lle outorgou o segundo posto na táboa final.

Unha vez finalizado este bloque do calendario, os próximos retos da actual campioa galega elite de XCO serán o próximo fin de semana o Descenso Urbano de Sarria e terminará este mes de xullo afrontando o Maratón de Seia, proba valedoira para a Copa de Portugal XCM.

LUCÍA VÁZQUEZ EN VILABOA

Anuncios