Anuncios
Ticker de novas

A Deputación adxudica outros 61 obradoiros dentro do programa “Depo en Marcha”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O goberno provincial de Carmela Silva aprobou en Xunta de Goberno a adxudicación de 61 obradoiros a entidades de maiores, xubilados e pensionistas da provincia de Pontevedra no marco do programa de “Depo en Marcha 2017”.

Estes 61 obradoiros súmanse aos 100 xa adxudicados en Xunta de Goberno o pasado 9 de xuño. Desta maneira, a Deputación de Pontevedra dará cobertura en este 2017 a 161 obradoiros. Así, a contía consignada para este programa ascende neste 2017 ós 120.000€.

“Depo en Marcha” é un iniciativa do goberno provincial destinada a fomentar o envellecemento activo a través de diferentes actividades que se encaixan en 8 temáticas distintas pensadas para a terceira idade. Desta maneira a Deputación de Pontevedra busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e intercambio de experiencias.

As 8 alternativas de obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán “Traballando coas mans”: arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades; “Entre fogóns”: cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; “Aprendendo da natureza”: plantas medicinais; “Móvete”: pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; “Activando corpo e mente”: conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; “Enredando”: xogos tradicionais e teatro; “Dálle marcha”: bailes de salón, pandeireta e canto popular; “En rede”: internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As entidades beneficiarias de maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra tiveron que cumprir algún dos seguintes requisitos: seren asociacións, federacións ou confederacións e fundacións que figuren no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; seren entidades que figuren no Rexistro Xeral de Asociacións dentro da provincia e clasificadas na categoría “terceira idade–pensionistas–xubilados”; seren asociacións de maiores, pensionistas, persoas prexubiladas e xubiladas malia non estar recollidas nos anteriores rexistros ou entidades que, sen o estar tampouco, xustifiquen o seu labor no eido das persoas maiores.

As actividades terán lugar en 39 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Anuncios